Noticias

A Deputación aproba novas bolsas "Depo Dan" e "Depo_Promesa" coas que suma case 225.000 euros para deportistas das marcas provinciais

As achegas servirán apoiar a atletas de renome internacional como Martín de la Puente, Támara Echegoyen ou Gustavo Rodríguez


25 decembro 2021
Depo dan y depo promesa

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das bolsas da segunda convocatoria das marcas provinciais "Depo_Dan" e "Depo_Promesa". Nesta ocasión a Xunta de Goberno deu luz verde a 23 subvencións por un total de 25.850 euros. Estes fondos, sumados aos 199.000 euros concedidos na primeira convocatoria, fan que as e os deportistas recoñecidos con estas marcas conten neste 2021 cun total de 224.850 euros da institución provincial.

Este é o terceiro ano que a Deputación outorga as bolsas "Depo_Dan" e "Depo_Promesa", para as que realizou unha segunda convocatoria posto que moitas e moitos deportistas da provincia non puideron facer as súas solicitudes na primeira quenda por atoparse en grupos burbulla antes das olimpíadas ou mesmo estar en Tokio. Con estas achegas súmanse á marca provincial deportistas de 11 concellos, algunhas e algúns de renome internacional como Martín de la Puente, Támara Echegoyen ou Gustavo Rodríguez.

Con estas novas 23 incorporacións a Deputación suma un total de 204 deportistas becadas e becados (155 na categoría "Depo_Dan" e 49 en "Depo_Promesa"), das que 84 son mulleres. Co apoio provincial todas elas e eles poderán adestrar e preparar os seus obxectivos deportivos coa maior tranquilidade e coa maior dedicación posible. Ademais, as achegas servirán para apoiar e posibilitar a súa participación nas competicións internacionais e nacionais  e axudarlles a conseguir as súas metas deportivas.