Noticias

A Deputación aproba máis de 770.000 euros para mellorar os sistemas de xestión da auga en oito concellos da provincia

A través de axudas europeas Pontecesures, O Grove, Meis, Barro, Marín, Nigrán, Ponteareas e A Cañiza acadarán un aforro enerxético do 28%


27 decembro 2021
Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar 770.390 euros que servirán para que os concellos de Pontecesures, O Grove, Meis, Barro, Marín, Nigrán, Ponteareas e A Cañiza implanten sistemas sostibles de xestión da auga. Os novos mecanismos permitirán un aforro enerxético do 28% e teñen un custo de 865.380 euros que será subvencionado polo IDAE (80%), a Deputación (9%) e os distintos concellos (11%). Neste senso, a Xunta de Goberno deu luz verde á achega de 692.300 euros concedida polo IDAE e xestionada pola institución provincial así como aos 78.090 euros que aportará directamente a Deputación.

Deste xeito, foron aprobados para o concello de Pontecesures 89.660 euros (79.701 € do IDAE e 9.960 € da Deputación), para O Grove 88.320 euros (78.505 € do IDAE e 9.815 € da Deputación), para Meis 89.820 euros (79.840 € do IDAE e 9.980 € da Deputación) e para Barro 76.320 euros (67.840 € do IDAE e 8.480 € da Deputación). A Xunta de Goberno tamén concedeu a Nigrán 133.250 euros (123.250 € do IDAE e 10.000 € da Deputación), a Ponteareas 89.720 euros (79.750 € do IDAE e 9.970 € da Deputación) e á Cañiza 114.330 euros (140.330 € do IDAE e 10.000 € da Deputación).

Estes fondos servirán aos concellos para realizar actuacións como o cambio de bombas de impulsión de auga ou a instalación de variadores de frecuencia nas Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAL) e Estacións de Bombeo de Augas Residuais (EBAR).

Este ano a Deputación xestionou axudas do IDAE para 33 concellos da provincia e unha entidade local por 7,4 millóns de euros. Deles 2,3 millóns están a servir para a mellora das estradas provinciais con modelos de mobilidade integral que reducen a pegada de carbono, 4 millóns teñen como destino a eficiencia enerxética e a iluminación exterior sostible e preto de 390.000 euros están destinados para o uso térmico en infraestruturas e instalacións municipais. A estas achegas súmanse agora os case 700.000 euros aprobados na última sesión da Xunta de Goberno para implantar sistemas sostibles de xestión da auga.