Noticias

A Deputación aproba en Xunta de Goberno o proxecto para a mellora integral da rúa Concepción Arenal na Guarda

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez lembra que o orzamento das obras é de 1.598.755 euros e que os traballos teñen un prazo de execución de dez meses unha vez comezados


09 febreiro 2018
Infografía Concepción Arenal - A Guarda

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno o proxecto para a ‘Recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na rúa Concepción Arenal EP-3401 de acceso ao porto na Guarda'. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o orzamento para a actuación ascende a 1.598.755 euros (financiados ao 70 % con fondos provinciais) e a obra terá un prazo de execución de dez meses logo do inicio, que se prevé na primavera.

A mellora integral da rúa Concepción Arenal, de titularidade provincial, pretende recuperar o espazo público da rúa para veciñas e veciños e fomentar un modelo de convivencia co tránsito rodado, sempre coa filosofía de que a circulación peonil debe ser a principal. Deste xeito, o proxecto redactado segundo os criterios do departamento de Mobilidade da Deputación, afirma Benítez, "facilitará e promoverá os tránsitos peonís cara ao Porto, que a día de hoxe están limitados polo tráfico rodado e a existencia de beirarrúas mínimas, en mal estado, e con nula accesibilidade".

O ámbito de actuación das obras é de 8.527,85 metros cadrados nunha lonxitude de 670 metros, creando unha plataforma única desestruturada e non lineal con once redutores físicos de velocidade de vehículos, e unha velocidade máxima permitida de 20 quilómetros por hora. Crearase unha grande praza na fronte do convento de San Bieito e darase un novo tratamento para a praza de Avelino Vicente. En ambos casos limitarase o aparcamento actual para recuperar a maior cantidade de superficie de espazo público para a cidadanía.

Segundo explica Benítez, no cruzamento coa rúa Enrique María Sesto e o hotel convento de San Bieito convivirán o tráfico e a circulación peonil, transformando o espazo da edificación relixiosa, potenciando as súas características monumentais. Proponse crear unha área de descanso e reunión cun espazo verde con árbores e bancos e, do outro lado, unha pérgola acompañada tamén de bancos. A rúa resólvese nun mesmo nivel e xógase cos materiais e texturas, de forma que a parte estritamente peonil levará lousa e a parte rodada unha base de formigón negro grafito con bandas transversais. Ao chegar á igrexa producirase un cambio na conformación do solado, cunha maior presenza de pedra.

Na zona desde o cruzamento coa PO-552 ata a rúa Enrique María Sesto redefinirase a praza Avelino Vicente. Haberá tamén un único nivel con diferentes materiais para os pavimentos e elementos de formigón a modo de mobiliario urbano, e a praza consolidarase arredor do monumento existente con dúas áreas de descanso diferenciadas: unha delas en forma lonxitudinal sobre unha das dúas fachadas acompañada de árbores e zonas de lecer, e a outra disposta arredor dun elementos de formigón, con bancos e zonas verdes.

O deputado de Mobilidade destaca que a configuración na nova rúa e o aproveitamento por parte da cidadanía verase potenciado unha vez que se desenvolva o novo acceso ao Porto que a Xunta debe tramitar como proxecto sectorial pola zona sur. Lembrou que existen tres alternativas deseñadas pola Deputación que permitirán retirar o tráfico pesado do centro da vila, xa que o uso de Concepción Arenal para o transporte de mercadorías ao Porto non é compatible co seu novo deseño. "Estamos nunha fase na que só debe haber un final: recuperar o espazo para as persoas. E no caso da Guarda a Deputación puxo sobre a mesa solucións a dous problemas da vila: a recuperación do espazo de Concepción Arenal para os peóns, e varias propostas para crear un novo o acceso ao Porto que agora ten que concretarse e ser realidade da man da administración competente para facelo, a Xunta de Galicia", insistiu.

Fotos