Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba axudas para os concellos de Vila de Cruces e Silleda


17 abr 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou dúas axudas para os concellos de Silleda e Vila de Cruces dentro do Plan Concellos 2016.

En concreto,  para o Concello de Silleda aprobouse a subvención de 83.000 euros para a compra dun tractor e de dúas rozadoiras de man. No caso de Vila de Cruces  as subvencións ascenden a 115.859,65 euros para acometer a pavimentación de acceso ao colexio de Piloño e para o pago de gasto corrente novo.

Dentro do Plan Concellos, Silleda ten concedida a cantidade de 630.216,49 euros, dos cales xa ten adxudicados 90.000 euros para emprego, para a contratación de doce persoas ao longo deste ano para reforzar os servizos municipais, e con esta nova subvención o grao de concesión supera o 27 por cento do total.

No caso de Vila de Cruces aprobáronse dúas axudas. A primeira por importe de 27.215,71 euros para a pavimentación do acceso ao colexio de Piloño; e a segunda, por valor de 88.643,94 euros, para o pagamento de gasto corrente do Concello.

En total o Concello de Vila de Cruces ten destinados 590.959 euros dentro do Plan Concellos 2016, e xa ten concedido o 38,5 por cento. Dedicou un total de 132.965 euros para a contratación de once persoas para o reforzamento dos servizos municipais ao longo deste ano. Na liña tres de subvencións a entidades, ten concedida a cantidade de 22.160 euros, e no caso das novas infraestruturas ascende a 89.894, aos que se suma a cantidade aprobada.