Noticias

A Deputación aproba as bases para os préstamos sen xuros 2019 aos concellos de menos de 50.000 habitantes

O Goberno de Carmela Silva ten investido máis de 4 millóns de euros nesta iniciativa no que vai de lexislatura, con preto de 20 concellos beneficiarios


29 decembro 2018
Préstamos sen xuros para os concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases de 2019 para a concesión de préstamos sen xuros, por concorrencia competitiva, para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun crédito inicial dun millón de euros. Estas achegas teñen por obxectivo facilitarlle aos concellos unha fonte de financiamento adicional co que poder afrontar, preferentemente, a execución de investimentos e, excepcionalmente, as operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.

Esta iniciativa configúrase coma un instrumento máis de planificación de políticas públicas, que teñen por obxecto o fomento dunha utilidade pública, de interese social ou de promoción de uso público. Para financiar este programa, a Deputación de Pontevedra disporá no ano que ven dun crédito inicial dun millón de euros, que pode ser ampliado. Ao igual que ocorre desde 2016, cando o actual Goberno chegou á institución, estes préstamos concédense sen xuros, comisións nin gastos doutro tipo, algo que non acontecía anteriormente cando se fixaban intereses situados no entorno dun 2 %.

Tal e como se establece poderán concederse créditos para dúas finalidades: unha liña para Investimentos e outra para Operacións de Tesourería. Unha vez que as bases se publiquen no BOPPO os concellos interesados terán 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes. Poden acollerse a esta iniciativa os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior a 50.000 habitantes e que cumpran cos demais requisitos fixados nas bases: ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente, ou no caso de prórroga, cumprir co previsto na lexislación; non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación; así como cumprir cos previstos legais no relativo á concertación de operacións de crédito. A través destes préstamos, o importe máximo que se pode conceder é do 90 % do custo do investimento ou actuación, sen que supere os 400.000 euros.

Desde o ano 2016, a Deputación de Pontevedra ten investido máis de 4 millóns de euros neste programa de concesión de créditos a entidades locais. Nos últimos tres anos beneficiáronse destes créditos preto de 20 concellos da provincia. O total de entidades locais que se acolleron aos préstamos no que vai de lexislatura son: Catoira, Fornelos de Montes, A Guarda, Oia, Nigrán, Ponte Caldelas, Arbo, Ponteareas, A Lama, Poio, Valga, Cuntis, Vilanova de Arousa, Salceda de Caselas, Silleda, Pazos de Borbén e A Cañiza.