Noticias

A Deputación aproba as bases do programa "Depo Aventura A Lanzada" 2018

O programa oferta 2.200 prazas dirixidas a nenas e nenos entre 8 e 13 anos, 300 delas gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social


28 febreiro 2018
Depoaventura A Lanzada 2018

A Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa "Depo Aventura A Lanzada" 2018, o programa de campamentos de verán no Centro de Vacacións da Lanzada para 2.200 rapazas e rapaces dos concellos da provincia nados entre 2005 e 2010. Ao igual que nas dúas anteriores edicións, o programa oferta 300 prazas gratuítas para menores en situación ou risco de exclusión social e este ano inclúe, como principal novidade, actividades destinadas a concienciar ás mozas e aos mozos sobre o valor dos montes e a previr os lumes.

En "Depo Aventura A Lanzada" poderán participar todas as nenas e nenos empadroados na provincia, nados entre 2005 e 2010 ata completar as 2.200 prazas e un ano máis coa inclusión de nenas e nenos con diversidade funcional, en igualdade de condicións coas e cos demais, algo que non acontecía co anterior goberno provincial.

O prezo por praza na actividade terá un custo de 100 € e inclúe o aloxamento e manutención, as actividades do campamento, o seguro e a excursión. No caso das familias numerosas, deberán aboar 80 € por praza. "Depo Aventura A Lanzada" 2018 tamén contempla 300 prazas gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social, das cales 260 resérvanse para os concellos, 25 para menores do Centro Príncipe Felipe e 15 para aquelas e aqueles en situación de tutela ou garda administrativa doutros centros da provincia.

O programa de lecer para a mocidade na Lanzada ten por obxectivo que as mozas e mozos da provincia empreguen o seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo que contribúan ao seu enriquecemento persoal e lles faciliten coñecer outros lugares fóra da súa contorna habitual. Desde xeito, o programa promove e fomenta o desenvolvemento persoal e social das rapazas e rapaces e favorece a comunicación e dinamismo multicultural.

Para acadar os seus obxectivos, a Deputación de Pontevedra promove un programa lúdico e educativo que inclúe a programación e o desenvolvemento de actividades ao aire libre relacionadas coa natureza, a lingua inglesa, a arte, a cultura, o deporte e os xogos. Como principal novidade con respecto ao ano pasado, este ano inclúense actividades que están destinadas á concienciación da mocidade sobre a posta en valor dos montes e a prevención dos lumes. Deste xeito, dáse resposta ao compromiso adquirido trala vaga de lumes de outubro do ano pasado de introducir en todos os proxectos actividades de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas de "Depo Aventura A Lanzada" haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e prevención dos lumes.

Para este verán, a Deputación de Pontevedra contempla a organización de 11 quendas, con 200 prazas cada unha, coa finalidade de dar cabida na Lanzada a 2.200 nenas e nenos que estarán aloxados en tendas de campaña, en réxime de pensión completa. A primeira quenda terá lugar do 24 ao 30 de xuño e as seguintes do 1 ao 7 de xullo, do 8 ao 14 de xullo, do 15 ao 21 de xullo, do 22 ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 4 de agosto, do 5 ao 11 de agosto, do 12 ao 18 de agosto, do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao 8 de setembro.

As familias interesadas en que as súas rapazas e rapaces participen en "Depo Aventura A Lanzada" 2018 terán 20 días naturais de prazo contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.