Noticias

A Deputación aproba as axudas para os festivais audiovisuais

Foron aprobadas as solicitudes dos oito festivais consolidados da provincia: Festival de Cans, Play-Doc de Tui, FIC Bueu, Festival de Curtas Armadiña, Novos Cinemas, Curtas Film Fest, Festival Internacional de Cine Inclusivo e Primavera de Cine


12 abril 2019
Festivais audiovisuais

A Xunta do Goberno provincial aprobou na súa sesión de hoxe a resolución da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra para o ano 2019. Resultaron aprobadas as oito solicitudes que optaron aos 130.000 euros que contempla esta liña, na que supón a terceira edición da convocatoria.

Os festivais cuxas solicitudes se aprobaron son o XVI Festival de Cans cunha contía de 26.000 euros, o XV Play-Doc de Tui con 25.000 euros, o XII FIC Bueu con 23.500 euros, o IV Festival Novos Cinemas de Pontevedra con 18.000 euros, o Curtas Film Fest de Vilagarcía de Arousa con 15.000 euros, o VIII Festival Primavera do Cine de Vigo con 10.100 euros, o Festival de Curtas Armadiña de Poio con 5.450 euros, e o III Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo con 5.271 euros.

A liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia de Pontevedra foi creada polo Departamento provincial de Cultura e Lingua no ano 2017, atendendo ás demandas das asociacións organizadoras dos principais festivais de curtas, documentais e cinema que se organizan na provincia, e que reclamaban unha liña estable de axudas con criterios obxectivables estables e transparentes. Hai que lembrar que coa creación desta liña de axudas, ademais de facer unha aposta decidida polo mantemento, impulso e estabilidade deste tipo de certames, inclúense criterios de publicidade, concorrencia, obxectividade e transparencia.

Os requisitos esixidos na convocatoria establecen que os festivais se leven a cabo durante o ano 2019, que teñan unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións, que un mínimo do 10 % dos títulos sexan de produción ou dirección galega, que inclúa actividades paralelas educativas ou formativas, e que empreguen como mínimo a lingua galega na comunicación e no seu desenvolvemento. Na valoración das solicitudes tivéronse en conta criterios como a calidade da programación atendendo a premios ou nomeacións; o número de espectadoras e espectadores do ano anterior; as actividades paralelas realizadas na anterior edición; e a viabilidade do proxecto tendo en conta achegas doutra entidades e patrocinios. Tamén se valoraron o número de edicións xa realizadas, as actividades paralelas previstas para a edición 2019 e a previsión orzamentaria para o ano da solicitude.