Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba achegas por valor de máis de 142.000 € para actuacións en Poio

As achegas enmárcanse na liña 1 do Plan Concellos 2017 a través do cal Poio recibirá ao longo deste ano máis dun millón de euros


30 abril 2017
Poio

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha partida de máis de 142.000 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017 destinada a diversas actuacións no concello de Poio. A presidenta Carmela Silva quixo insistir na importancia destas axudas provinciais que permiten "garantir as mellores condicións e servizos básicos para a cidadanía como é neste caso a renovación de servizos e viarios municipais".

En concreto, Poio recibirá 142.031,43 € para a reforma e renovación de servizos e pavimentación do Camiño Pateira en Portosanto. Nestes primeiros catro meses do ano, a institución provincial leva aprobados 518.076,25 € para Poio no marco do Plan Concellos 2017, é dicir, xa se repartiu un 51,39 % do 1.008.010,77 € previstos para a localidade neste ano.

Carmela Silva sinalou que "a liña 1 do Plan Concellos, destinada a investimentos, permite aos núcleos de poboación da nosa provincia levar a cabo investimentos para dotalos de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, e garantir a calidade de vida das veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia".

As axudas aprobadas ata a data pola Deputación de Pontevedra dentro da liña 1 do Plan Concellos 2017 ascenden a un total de 6.902.080,4 €, isto supón un 26,8 % do destinado a investimentos. Esta é a liña con maior dotación económica do programa e supón o 62,5 % do total do plan, cun orzamento de 25.750.000 € (fronte aos 25 millóns de 2016).

O Plan Concellos 2017 ten asignado para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no ano anterior e que entre as súas tres liñas estratéxicas leva aprobado un total de 18,3 millóns de euros desde xaneiro.