Noticias

A Deputación aproba achegas aos concellos por valor de 220.000 euros para fomentar a igualdade de oportunidades e previr as violencias machistas

As achegas van dirixidas aos municipios de menos de 20.000 habitantes "para que poidan impulsar e realizar actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria"


10 febreiro 2018
Achegas para fomentar a igualdade de oportunidades e previr as violencias machistas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta da aprobación en Xunta de Goberno da terceira convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas. En total, tal e como informou Silva, o Goberno provincial destinará 220.000 euros a esta convocatoria.

Carmela Silva recordou que se trata dunha liña de subvencións posta en marcha polo novo Goberno provincial e que, desde a primeira convocatoria, suma cada vez máis concellos. "No 2016 beneficiáronse das achegas 35 concellos da provincia e o ano pasado foron 50 os que recibiron financiamento da Deputación para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas". Tamén destacou Silva a importancia de destinar as achegas aos concellos, "para que poidan impulsar e realizar actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria".

A Deputación de Pontevedra subvencionará aqueles concellos que presenten proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista ou aqueles que leven a cabo iniciativas xurdidas dos acordos das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista. Tamén serán obxecto de subvención os concellos que teñan desenvolvido proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas da violencia machista e programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades. Ademais, esta liña de subvencións tamén achegará recursos para proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres, para accións e actividades encamiñadas á elaboración do Plan Municipal de Igualdade, para aquelas dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación, para actividades de prevención e sensibilización no eido educativo dirixidas ao alumnado, profesorado e familias coa finalidade de dotar de estratexias educativas para o fomento da igualdade de trato e para campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

Os concellos interesados en optar por esta liña de subvencións para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas terán de prazo 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.