Noticias

A Deputación aproba a licitación do proxecto para a estrada provincial entre a N-550 e Perdecanai en Barro

As empresas interesadas na actuación, orzamentada en 327.565 euros, poderán presentar as súas ofertas tras a publicación do anuncio no BOPPO


24 novembro 2017
Deputación de Pontevedra

As obras de mellora na estrada provincial EP-0505 en Barro están máis preto. A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o procedemento de contratación para renovar a capa de rodaxe de xeito integral, crear un espazo de tránsito peonil, instalar novo saneamento e tamén dispositivos de calmado de tráfico.

A institución provincial, segundo asegurou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, vai licitar a obra co fin de poder comezar os traballos de xeito inmediato cando chegue o visto bo do departamento de Patrimonio da Xunta. Este debe autorizar unha pequena canalización para unha tubaxe nas inmediacións da zona da igrexa de Perdecanai –que non se prevé en absoluto problemática–.

Así, a partir da aprobación hoxe da contratación en Xunta de Goberno, o anuncio da obra sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e comezará a contar o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas. Despois, persoal técnico provincial valorará as propostas e decidirase a adxudicación, asinarase o contrato e realizarase a acta de reformulamento. Deste xeito, prevese que as obras poidan comezar como moi tarde na primavera.

A actuación do departamento de Mobilidade provincial na EP-0505 abrangue a totalidade da vía (1,2 quilómetros) cun orzamento de 327.565 euros grazas a un convenio que financiarán ao 70 %-30 % a Deputación e o Concello de Barro. Executarase un proxecto integral de urbanización e mellora de abastecemento, con catro pasos de peóns sobreelevados, nova sinalización horizontal e vertical e crearase un espazo de tránsito peonil e de bicicletas polo que poderán camiñar con seguridade os veciños e veciñas da zona. Unha vez rematen os traballos –o prazo de execución é de seis meses– a vía será transferida ao concello.


Novas relacionadas