Noticias

A Deputación aproba a contratación do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa "Depo en marcha 2018"

A empresa Formagal será a encargada de xestionar o programa que este ano terá un orzamento de 120.000 euros"


11 marzo 2018
Depo en marcha

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación, por procedemento aberto, da contratación do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa "Depo en marcha 2018". Tal e como apuntou Carmela Silva, "a empresa Formagal Formación y Servicios, S. L. será a encargada de xestionar o programa".

"Depo en marcha", que ten un orzamento de 120.000 euros, é un programa que ten como obxectivo contribuír o establecemento de relacións sociais entre as persoas maiores ó tempo que toman parte en actividades que eleven o seu estado anímico. Para elo organízanse obradoiros de actividades que actúen como espazos de encontro e intercambios de experiencias que lles sirvan para fomentar a súa independencia evitando o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén explicou que "este programa oferta ás entidades de maiores, pensionistas e persoas xubiladas da provincia de Pontevedra un catálogo con obradoiros englobados en oito diferentes áreas: Traballando coas mans, Entre fogóns, Aprendendo da natureza, Móvete, Activando corpo e mente, Enredando, Dálle marcha e En rede."

Con "Depo en marcha", durante o ano 2017, desenvolvéronse 152 obradoiros nos que participaron un total de 2.836 persoas da provincia.