Noticias

A Deputación de Pontevedra apraza a Ruta de Arquitectura deste sábado en Pontevedra por mor das novas restricións sanitarias no concello

A ruta posponse sen data ata que se levanten as novas medidas de prevención e manterase a lista de persoas inscritas para cando se poida realizar


10 setembro 2020

A Deputación de Pontevedra decidiu aprazar sen data a primeira das Rutas de Arquitectura que estaba previsto realizar este sábado 12 de setembro en Pontevedra, debido ás novas restricións derivadas da evolución da situación epidemiolóxica da COVID-19 que acordou a Xunta de Galicia para este concello. Estas medidas sanitarias restrinxen a participación en actividades de grupos en monumentos e equipamentos culturais a un máximo de ata dez persoas, incluído o monitor ou guía, e a ruta ten un total de 25 prazas cubertas. A actividade terá lugar cando se levanten estas restricións e a Deputación manterá a lista de persoas inscritas, que xa están sendo avisadas deste aprazamento. A suspensión non afecta a ningún dos roteiros previstos fóra do concello pontevedrés e deste xeito, mantense o Roteiro Literario previsto para o domingo en Vilagarcía de Arousa. A Ruta de Arquitectura prevista para este sábado tiña previsto un percorrido por diferentes espazos e monumentos da cidade de Pontevedra, entre os que figuraban as igrexas da Peregrina e San Bartolomé, así como unha posterior visita ao mosteiro de San Xoán de Poio. A institución provincial manterá este itinerario para o momento en que se poida realizar, que será comunicado en canto a data sexa fixada.