Noticias

A Deputación aposta pola seguridade viaria pavimentando integramente o trazado da estrada provincial de Soutolongo a Doade

A obra, cun orzamento de 171.400 euros, deixa en perfectas condicións a vía que une ás dúas parroquias lalinenses


13 outubro 2021
estrada provincial de Soutolongo a Doade

A estrada provincial EP-6003, que une as parroquias lalinenses de Soutolongo e Doade, estrea novo pavimento coas obras de asfaltado integral que vén de executar a Deputación, cun orzamento total de 171.400 euros. A actuación foi visitada polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís; a tenente de alcalde, Paz Pérez, e o concelleiro de Obras, José Cuñarro, que, ademais, fixeron un percorrido polo trazado.

Os traballos consistiron na aplicación de aglomerado en quente dos 2.262 metros desta vía provincial previo saneo de toda a superficie. Ademais, para garantir o acabado e a duración do novo firme demoléronse e fresáronse os sectores que se atopaban en peor estado e aplicouse base de macadam e saburra. A maiores instaláronse tubaxes de drenaxe nos tramos nos que se acumulaban as escorrentas das augas pluviais.

O deputado de Infraestruturas explicou que no concello de Lalín hai un total de 10 estradas provinciais e a Deputación realiza constantes investimentos para garantir o seu correcto estado.  A que une Soutolongo con Doade era a que se atopaba en peores condicións, polo que o departamento provincial priorizou o seu asfaltado integral para mellor o servizo que se presta á veciñanza  destas dúas parroquias.

A estrada de Soutolongo-Doade, cunha intensidade media de tráfico baixa, de 960 vehículos diarios, sufría desgaste polo que a necesidade da mellora foi apreciada dentro do plan de avaliación anual que a Deputación efectúa ao longo dos 1.700 Km da rede provincial de estradas. Ao determinarse que non era posible unha reparación parcial acordouse incluíla dentro do Acordo Marco de Firmes para a súa pavimentación completa.

A Deputación de Pontevedra leva investidos en Lalín un total de 14,7 millóns de euros nos últimos 6 anos, é dicir dende que se produciu o cambio no Goberno provincial. Nestes intres o servizo provincial de Infraestruturas ten tamén en tramitación o convenio para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6005 en Prado, cun importe superior aos 320.000 euros. A maiores, a Deputación leva investidos 158.603 euros na mellora da seguridade viaria a través da execución de 14 pasos de peóns sobreelevados e 12 redutores físicos de velocidade. Outros 41.000 euros investíronse en pintados, uns 7.000 euros en sinalización vertical, 200.000 euros en limpeza e apertura de cunetas, uns 70.000 euros en rozas da vexetación, uns 75.000 euros en incidencias, 370.000 euros en obras ordinarias de conservación de firmes e, finalmente, 20.000 euros na redacción do Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) do Concello de Lalín.