Noticias

A Deputación de Pontevedra aposta pola seguridade viaria no entorno do CPI A Cañiza coa realización de obras de mellora e humanización

O deputado Santos Héctor, o alcalde, Luis Antonio Gómez, e varios concelleiros municipais visitan os traballos inseridos no Plan DepoRemse cun investimento superior aos 107.000 €


13 agosto 2020
A Cañiza

Mellorar a seguridade viaria en todos os concellos da provincia segue a ser un dos obxectivos prioritarios da Deputación de Pontevedra no que respecta á cooperación e a mobilidade. Debido a isto, o ente provincial executou no concello da Cañiza obras no marco do Plan de mellora da seguridade dos viarios municipais (DepoRemse) para mellorar a seguridade viaria e a humanización no entorno do CPI A Cañiza. A actuación, valorada en 107.647,15 euros, foi visitada polo deputado da área de Cooperación, Santos Héctor, o alcalde da Cañiza, Luis Antonio Gómez, e varios concelleiros da Corporación municipal.

As obras realizadas na rúa de acceso ó CPI A Cañiza desde a N-120 e no viario que rodea o colexio que dá acceso ó Instituto de Educación Secundaria da Cañiza consistiron na creación dun itinerario peonil conectando o CPI co IES, actuando nas beirarrúas existentes para dar cumprimento á normativa de accesibilidade e reordenando o tráfico existente. Así, a Deputación de Pontevedra achega o 90 % dos recursos a través do programa DepoRemse e do Plan Concellos, mentres que o restante foi aportado polo Concello. O alcalde da Cañiza, Luis Antonio Gómez, sinalou que "practicamente nos últimos catro anos, todas aquelas cuestións que foron avanzando en inversión e que se van visualizando no noso municipio son actuacións da Deputación de Pontevedra".

"É imprescindible mellorar a seguridade viaria na contorna dos centros educativos, non só polo volume de xente que accede a eles, senón tamén pola idade dos viandantes", explicou sobre a necesidade que existía de mellorar as condicións viarias existentes e de humanizar o entorno. Ademais, engadiu: "É unha obra moi relevante onde se pon en valor unha zona moi importante da Cañiza. Era necesario acometer os servizos e facer intervencións de humanización e de mobilidade peonil". Estas obras, por tanto, obedecen ó "modelo que está impulsando a Deputación de Pontevedra, que ten a accesibilidade e a seguridade por bandeiras".

A colaboración entre o Concello e o ente provincial foi resaltado polo deputado: "Como institución, estamos traballando arreo para achegar investimentos a todos os concellos da provincia para que poidan desenvolver proxectos tan necesarios coma este". Así, tanto na repartición regrada e obxectivo de fondos que se fai a través do Plan Concellos como nos plans extraordinarios que se adxudican en base a puntuacións obxectivas e criterios técnicos, "a Deputación de Pontevedra é exemplo de institución obxectiva e comprometida con todos os concellos. Queda patente o compromiso da Deputación coa mobilidade e a seguridade de todas as persoas".

En concreto, os traballos que se desenvolveron nas inmediacións do CPI A Cañiza están relacionados con tres eixes: o movemento de terras, a pavimentación e a sinalización. Deste xeito, a obra incluíu a limpeza das marxes do viario que se prevé pavimentar, a pavimentación e construción de beirarrúas, a renovación da capa de rodaxe do viario e a colocación de sinalización horizontal e vertical para ordenar o tráfico na rúa Carballo do Marco desde o colexio ata o cruzamento coa N-120. As beirarrúas terán un largo de 2,5 metros e executaranse con baldosa de 30x30 centímetros.

O Plan DepoRemse financia un total de 31 obras de seguridade viaria en vías de titularidade municipal noutros tantos concellos da provincia de Pontevedra. A pandemia da COVID-19 motivou que a Deputación acordase unha prórroga extraordinaria para o prazo de finalización, que agora quedou fixada no 31 de maio, 11 meses máis que o prazo orixinal.

O Concello da Cañiza ten recibido un investimento total da Deputación de Pontevedra desde o ano 2015 de 5.076.853,93 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 548.142,47 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 33 obras; financiar 7 actividades socioculturais propias e contratar a 86 persoas traballadoras con cargo ao Plan Concellos. O alcalde quixo poñer en valor estas cifras declarando que "levamos catro anos na Cañiza onde practicamente o 100 % das obras executadas polo Concello levan o nome e apelidos da Deputación de Pontevedra".