Noticias

A Deputación apoia a iniciativa cidadá promovida para defender o verdadeiro significado da ‘Derradeira lección do mestre' de Castelao

O ilustrador Kiko Dasilva promove unha homenaxe ao autor rianxeiro mañá venres ás 12.30 h no Museo como protesta pola manipulación realizada por Núñez Feijóo


04 outubro 2018
Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

O Goberno da Deputación de Pontevedra súmase á a iniciativa cidadá promovida polo ilustrador Kiko Dasilva en defensa do verdadeiro significado da obra ‘A derradeira lección do mestre' de Castelao. A presidenta Carmela Silva e o deputado de Cultura Xosé Leal, ademais doutros representantes provinciais, asistirán ao acto que terá lugar mañá ás 12.30 h na sala Castelao do Museo de Pontevedra como protesta pola manipulación e censura realizada sobre o cadro por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Este evento, que se difundiu nas redes sociais na mañá de hoxe baixo o título ‘A derradeira lección do mestre. Que non volten matar a Bóveda!', xurdiu de forma "espontánea e libre" por parte do debuxante Kiko Dasilva, e coincidirá coa inauguración oficial da mostra sobre Castelao que se exhibe na Cidade da Cultura de Santiago.

Dasilva colgou nas redes sociais unha convocatoria clara á que rapidamente responderon centos de cidadás e cidadáns: "Eu non irei o venres á inauguración. Non quero escoitar máis sandeces por parte destes impresentables. Eu o venres 5 as 12,30 estarei na sala Castelao do Museo de Pontevedra onde gardan o debuxo preliminar ao cadro, para renderlle unha homenaxe sincera a Castelao, a Bóveda e ao verdadeiro significado da súa obra. É un homenaxe espontáneo e libre, podedes vir todas/os que queirades. Non ao esquecemento! Que non manipulen a historia! https://www.facebook.com/events/330984377465549/", expuxo.

Segundo o ilustrador pontevedrés, o acto servirá para defender o significado sentimental e político da peza, ademais de reivindicar "a propia execución da obra", xa que Castelao non a puido facer na Galiza "polo que Feijóo negou onte: que estaba exiliado, porque se estivese aquí mataríano", apuntou. Durante a homenaxe Dasilva realizará ‘en directo' unha versión da estampa orixinal de ‘A derradeira lección do mestre' e entregaralla á familia Bóveda.

Desde o Goberno provincial decidiuse estar presente neste acto en lugar de ter representación oficial na inauguración de Santiago. A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que co cadro de Castelao "estamos a falar dunha homenaxe á memoria histórica porque reflicte a imaxe viva das e dos que sufriron a represión e foron asasinadas e asasinados por defender a educación e a república". Carmela Silva manifestou sentirse "avergoñada ante un presidente da Xunta que pretende negar o que ocorreu e, para elo, utilizar un cadro que pertence á memoria da xente, nun vano intento de agochar a persecución e a represión do que era máis valioso daquela República, que eran as mestras e os mestres".

O deputado de Cultura Xosé Leal, pola súa banda, quixo apuntar que o cadro de Castelao retrata non só un mestre calquera, senón "o asasinato de Alexandre Bóveda e o intento de aniquilación do nacionalismo por parte do fascismo", así como tamén a uns nenos "que simbolizan o futuro e a esperanza dunha Galiza libre e digna pola que traballaron tanto Bóveda como Castelao".