Noticias

A Deputación apoia a Festa da Lamprea de Arbo con accións promocionais durante todo o ano

A institución provincial pon en valor a festa, declarada de Interese Turístico Nacional, e os recursos naturais e patrimoniais que ofrece a vila para visitala durante todo o ano


21 xuño 2021

A Deputación de Pontevedra está a promocionar durante todo este ano a Festa da Lamprea de Arbo, unha das grandes celebracións gastronómicas de Galicia e declarada en 2016 de Interese Turístico Nacional. Malia que este ano non poido festexarse como é tradición desde 1961 polas restricións sanitarias ás que obriga á COVID-19, a institución provincial quere reafirmar o seu apoio a esta festa senlleira e a Arbo como un dos lugares a visitar durante os doce meses no destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia.

Concretamente, a Deputación aporta unha axuda de 6.000 euros destinada á inserción de publicidade nos medios de comunicación para promocionar a festa, así como á elaboración do vídeo deste grande evento que, en condicións normais, atrae a Arbo a milleiros de persoas a finais de abril para degustar a exquisita lamprea do río Miño. 

A institución tamén está a respaldar a festa a través de publicacións nas redes sociais provinciais para reforzar o intenso traballo que o Concello de Arbo está a desenvolver en materia de promoción turística nas súas canles, tanto no que respecta á festa, como de todos os atractivos naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicos da vila.

O obxectivo da Deputación é promocionar as visitas a Arbo durante todo o ano. As redes sociais de Turismo Rías Baixas publican contidos con regularidade sobre os atractivos da vila e a comarca da Paradanta, e apoian tamén o traballo que desde as súas canles realiza o Concello. A Festa da Lamprea, que exalta este prehistórico peixe con 500 millóns de anos de antigüidade, é un dos grandes reclamos festivos da provincia. O apoio reafirma o compromiso da Deputación de Pontevedra coas festas de interese turístico que terán lugar nas Rías Baixas.