Noticias

A Deputación destina máis de 33.000 euros para proxectos de asociacións e agrupacións culturais da comarca do Morrazo

Na comarca do Morrazo foron aprobados 24 proxectos de asociacións e agrupacións culturais por un importe total de 33.818.16 euros


19 ago 2016

O obxecto desta liña de axudas, convocada en réxime de concorrencia competitiva, é o de promover e fomentar actividades culturais enmarcadas dentro do 'Ano Castelao' realizadas por persoas físicas e xurídicas sen fins de lucro. En total foron aprobados 164 proxectos presentados por asociacións e agrupacións culturais de toda a provincia. Por comarcas, en Deza e Tabeirós – Terra de Montes concedéronse 13 proxectos, no Morrazo 24, no Salnés 18, na comarca de Caldas 12, no Baixo Miño 16, no Condado – Paradanta 7, na comarca de Pontevedra 24, e na de Vigo 50.

Convén lembrar que esta liña dá cabida a proxectos e propostas enfocadas a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais, e en especial as disciplinas que cultivou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou as que están relacionadas coa súa figura, e que contribúen á modernización e recuperación da cultura galega. A través destas axudas apóianse actividades tales como as xornadas e eventos relacionados coa memoria histórica; as actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico; os festivais de corais, de música e baile tradicional; os intercambios culturais; e outros eventos nos que se fai referencia á figura de Castelao. 

Para a adxudicación destas subvencións, as bases reguladores contemplaban catro criterios: a difusión da actividade, segundo sexa de ámbito local, provincial, nacional ou internacional; o orzamento total da actividade; a porcentaxe solicitada de financiamento; e a adecuación da actividade ao interese provincial. 

Comarca do Morrazo

Nos concellos da comarca do Morrazo foron 24 os proxectos concedidos, que suman un total de 33.818,16 euros. En Bueu foron aprobados 5 proxectos: "Intercambio cultural a Suances" da Asociación Coral Polifónica Acordes de Bueu; "Intercambio cultural coa Coral Matices de Valladolid" da Coral Polifónica Marusia de Bueu; "II Xornadas nas rúas do Corpus de Bueu" da Asociación Cultural Alfombras de Bueu; "Intervención artística Ano Castelao: contos na rúa" da Asociación Argo Navis; e "Publicación da crónica da represión en Bueu" da Asociación Amigos de Johan Carballeira. 

En Cangas foron 12 os proxectos concedidos: "Festival de música e baila tradicional" da Asociación Cultural Lembranzas da Ría de Cangas; "Gala 25 aniversario" da Asociación Cultural Folclórica Tromentelo; "III Festival de música e baile tradicional" da Asociación Cultural Peis D'Hos; "V Certame de pintura Adicam 2016 Caselao" da Asociación diagnosticad@s de cancro de mama; "Concerto Lolos 2016" da Asociación Lolos; "Concerto xoves músicos 2016" da Asociación Xuvenil Cultural Staccato; "Concertos en galego Ano Castelao" da Asociación Son do Pobo; "Festival Coral" da Asociación Promoción Turística do Morrazo; "Concerto homenaxe a Castelao" da Asociación Cultural Bellas Artes; "Concerto Semana Santa" da Banda de Tambores e Cornetas de Cangas; "Concerto María Soliña 2016" da Asociación Cultural María Soliña; e "XIII Exposición Filatélica, Numismática e Fotográfica" da Sociedade Filatélica e Numismática Canguesa do Morrazo-Cangas.

En Marín catro: "Divulgación e coñecemento do patrimonio arqueolóxico da parroquia" da Asociación Cultural Santo Tomé de Piñeiro; "Semana cultural dedicada a Castelao" da Asociación Cultural Amigos dos Rapaces; "XVIII Encontro internacional de cerámica contemporánea" da Asociación Ceramistas Asas; "Castelao en Marín. As cruces de pedra" da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber. En Moaña foron tres: "XXIII Festival Internacional O Folclore do Mar" da Asociación Folclórico-Cultural e Xuvenil Meir; "II Festival Moañesa de Música e Danza" da Agrupación Cultural Moañesa de Música e Danza; e "XIII Xuntanza de embarcación tradicionais de Moaña-2016" da Asociación Sueste.