Noticias

A Deputación anima neste outono a "Tornar ás táboas" cunha programación teatral que chegará a todas as comarcas da provincia

Carmela Silva: "Non é só que democraticemos o teatro, para que poida chegar a todos os concellos, especialmente os pequenos, senón que tamén apoiamos ás compañías teatrais que tan mal o pasaron"


15 setembro 2021

A Deputación de Pontevedra volve levantar o pano do teatro este outono. Co lanzamento do programa "Tornar ás táboas" a institución provincial vai levar o teatro a toda a provincia, no marco do seu obxectivo de "aviventar cultura" este 2021, e máis particularmente cunha aposta polos concellos de menos de 20.000 habitantes, os que, como destacou hoxe a presidenta, Carmela Silva, "teñen menos recursos para desenvolver actividade cultural". Deste xeito, de setembro a decembro desenvolveranse 36 funcións a cargo doutras tantas compañías en 35 municipios de todas as comarcas da provincia, ademais doutra específica no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra.

A programación de "Tornar ás táboas" contará con 3 funcións en setembro, 15 en outubro, 10 en novembro e 8 en decembro. Comezará o día 22 deste mes no Príncipe Felipe, que se vai converter en centro de referencia da programación cultural da Deputación, "porque queremos que as nenas e nenos do centro teñan un contacto directo coa cultura", como salientou Carmela Silva. "A cultura –afirmou– ten un enorme poder transformador e as crianzas e xente moza que está en contacto coa cultura ten máis posibilidades de acadar a igualdade de oportunidades e de que se lles abran diferentes abanos cara ao futuro".

O orzamento do programa ascende a 80.000 euros, aínda que a presidenta avanzou que se reforzará esta cantidade en vindeiras edicións "porque cremos profundamente na importancia de investir en cultura". Carmela Silva lembrou así mesmo que esta programación é un paso máis trala pandemia despois da aposta en liña do pasado ano con "Prendendo butacas na casa", con sesións teatrais en streaming que se proxectaron desde a web da Deputación durante 24 horas. "Como este ano podemos facer actividades presenciais, apostamos por levar o teatro a todos estes concellos –explicou–. Non é só o valor do teatro e de que estea presente nas nosas vidas, que o democraticemos para que poida chegar a todos os lugares, senón que tamén apoiamos ás compañías de teatro que tan mal o pasaron porque a xente da cultura ten o dereito e a necesidade de ter recursos económicos para vivir".

A programación

Trala función do 22 de setembro no Centro Príncipe Felipe, onde Malasombra escenificará Os fabulosos cleaners, en setembro haberá outras dúas representacións, en Salvaterra de Miño (día 25), onde Tanxarina ofrecerá Titiricircus e en Forcarei (26), onde Xarope Tulú porá en escena Rilla Rilla.

En outubro desenvolveranse 15 funcións, que comezarán o día 2 en Campo Lameiro, con Expresión Producións, que representará Os Limpa Limpa. Continuarán o día 3 en Baiona, onde A Panadaría protagonizará a obra Elisa e Marcela e o día 10 en Barro e Meaño, con Núm.1 Teatro, Circo e Danza e a obra Circanelo e Migallas Teatro con Camiño de historias, respectivamente. O día12 o programa chega a Pazos de Borbén, con Roto e Descosida e a súa función Ciencia que alimenta; o 15 a Poio, con ButacaZero e Velliñas; o 17 a Soutomaior, onde A Tropa de Trapo presentará Catro monos e o día 22 ao Grove, con Raquel Queizás e Cinema e historias da man de Alice Guy. O día 23 haberá dúas funcións, en Nigrán, con Fulano, Mengano e Citano e o seu Top Manta e en Tomiño, con Teatro da Ramboia e O meu mundo non é deste reino. Tamén haberá outras dúas funcións o 24, concretamente en Mondariz, con Animar-t Teatro e Laia, aprendiz de maga, e en Mos, con Stephanie_De ste Xeito que escenificará Feminíssimas. En Portas o día 29 Viravolta Títeres leva Barriga verde no CPI Domingo Fontán e o día 31 Caldas de Reis acollerá a función de Amorodio Teatro titulada Reino de extinción, mentres que en Moaña a compañía Pérez y Fernández representará Os nenos da varíola no IES As Barxas (para alumnado).

Xa en novembro haberá 10 funcións, o día 6 en Cerdedo-Cotobade, onde Que 2 escenificará Cachos desqueches; e en Sanxenxo, con Baobab Teatro e a súa obra Mai Mai. Ao día seguinte Cambados acollerá a actuación de Ibuprofeno Teatro con O Furancho, mentres que o día 13 haberá sesións, en Bueu con Teatro de Ningures e a obra O Grocho; e en Catoira, con Bandullo Azul e Mestre ma non troppo. O día 14 chega a Meis, con O Baúl da Tía Tola e a representación de Lixo; o día 19 ao concello da Guarda, con Artesacía e Illas desertas; o 21 na Cañiza Teatro Avento Producións representará Umm... Unha comedia musical para chupar os dedos; o día 22 o concello das Neves acollerá a función de Isabel Risco titulada Bravas e o día 25 en Silleda estará Redrum Teatro con #2 Pilgrims.

As restantes oito funcións desenvolveranse en decembro, e comezarán o día 4 en Arbo, coa participación de Culturactiva Producións, que porá en escena Saabor e en Moraña, onde Olivas Negras representará 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva. Ao día seguinte o programa chegará a Gondomar, con Barafunda Teatro e a obra Bambolina/Pinga a pinga, mentres que o día 10 Rodeiro acollerá a representación da compañía A Xanela do Maxín titulada A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. O día 17 haberá dúas sesións, en Mondariz-Balneario estará Teatro Kepler con Rosalía unha vida, e en Vilaboa Fantoches Baj con Os golfiños e o xigante ás 19 h na Casa da Cultura. O día 18 Vila de Cruces acollerá a actuación de A Síndrome, con A síndrome de Lis e, por último, o día 19 remata no Rosal, coa participación de Arte Pingüe Teatro, que escenificará Mentiras e verdades.

Audios

  • Audio