Noticias

A Deputación ampliará a doce o número de bolsas para os mestres e mestras composteiros

O presidente en funcións, César Mosquera, asegura que hai administracións doutras partes do Estado interesadas en contratar os técnicos formados ao abeiro do Plan Compost Revitaliza


15 abr 2016

A Deputación de Pontevedra está tramitando a ampliación do número de bolsas para as mestras e mestres composteiros que se encargarán da xestión dos centros de compostaxe comunitaria que se repartirán pola provincia. O obxectivo é pasar das dez bolsas iniciais a doce e permitir así que os aspirantes formados na "Facultade da compostaxe" poidan exercer o seu traballo nos concellos de Pontevedra.

O presidente en funcións, César Mosquera, explicou hoxe que esta decisión se toma baseándose dúas cuestións. A primeira é que os aspirantes a mestras e mestres composteiros teñen unha moi boa preparación que hai que aproveitar, "xa que sería unha pena que non tivesen a última parte da experiencia". Por outra banda, sinalou que, aínda que nun principio sería suficiente con dez bolseiros, a día de hoxe xa hai ofertas doutras administracións do Estado e de empresas privadas para contratar algúns dos aspirantes. "Prevemos que os que non acaden a bolsa na Deputación acadarán un traballo por fóra… e incluso pode que os que teñan a bolsa provincial tamén marchen, polo que cara a finais de ano poderiamos andar escasos de mestras e mestres composteiros", subliñou Mosquera.

Neste sentido, o presidente en funcións destacou que se está a valorar a posibilidade de organizar unha segunda quenda do curso da "Facultade da compostaxe". Hai que lembrar que foron 23 os concellos que solicitaron os centros de compostaxe comunitaria da Deputación e que nalgún municipio se instalará máis dun composteiro, polo que a necesidade de persoal cualificado que se faga cargo é unha realidade.

De cumprirse todos os prazos administrativos previstos os mestres e mestras composteiros comezarán a traballar o vindeiro 2 de maio. No día de hoxe comunicáronselles as notas aos aspirantes, sendo aptos todos os que remataron o curso (18). Cabe lembrar que houbo dúas persoas que causaron baixa por cuestións laborais.