Noticias

A Deputación amplía ata as 1000 prazas o servizo de teleasistencia domiciliaria na provincia

"Aínda que non tiñamos competencias, non podemos permitir que haxa unha soa persoa maior que quede sen este servizo", asegurou a presidenta


29 marzo 2019
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a ampliación do Acordo Marco vixente do servizo de teleasistencia, que na actualidade permitía prestar servizo ata un máximo de 700 persoas e que, a través deste incremento, vai poder chegar ata as 1.000. "Aínda que non tiñamos competencias, non podemos permitir que haxa unha soa persoa maior que quede sen este servizo tan importante para manter a súa autonomía e a súa calidade de vida", explicou a presidenta para referirse a este programa que ano a ano ten máis persoas usuarias e demandantes.

Carmela Silva indicou que é moi necesaria esta ampliación de prazas, xa que se trata dun servizo cada vez máis demandado, ao tempo que tamén permite manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou con algún tipo de diversidade. O servizo de teleasistencia, cofinanciado entre a Deputación e os concellos, é un servizo preventivo de axuda e apoio para persoas que precisan dunha atención continuada, que deste xeito poden continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade.

Durante este ano 2019, o número de persoas usuarias é de case 700, cun incremento de usuarias e usuarios paulatino desde fai anos. Por este motivo, desde o Goberno decidiuse a ampliación en 300 prazas máis, de tal xeito que poidan ir quedando cubertas todas as demandas. As persoas usuarias son veciñas e veciños de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. A teleasistencia consiste nun sistema de seguimento que, con só pulsar un botón, permite dar resposta inmediata ás situacións de emerxencia no fogar coa mobilización de todos os recursos necesarios, as 24 horas do día e os 365 días do ano. As persoas usuarias son xente maior ou con algunha diversidade que precisan de atención continuada e así poden tela pero sen ter que abandonar as súas casas.