Noticias

A Deputación amplía as bolsas do Plan de Práctica Laboral na Deputación e nos concellos da provincia

As persoas beneficiarias completarán a súa formación en distintos servizos da institución provincial


16 mai 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante a Xunta de Goberno, vén de aprobar a ampliación do número de bolsas do Plan de Práctica Laboral na Deputación e nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Trátase de nove novas bolsas, que van permitir que nove titulados ou tituladas, sen experiencia laboral previa, poidan completar a súa formación académica en distintas áreas relacionadas cos seus estudos.

As nove bolsas que se aproban destinaranse a persoas tituladas en Traballo Social (2 bolsas), Dereito, Historia, Tradución e Interpretación, Filoloxía Inglesa, Enxeñaría Técnica Industrial en Electricidade e Administración e Dirección de Empresas. As persoas beneficiarias van proceder das listas de agarda que xa quedaran configuradas.

Estas bolsas veñen sumarse ás 200 que conforman o Plan de Práctica Laboral na Deputación e concellos e das que xa se están beneficiando douscentos mozos e mozas de diferentes titulacións universitarias e graos superiores de formación profesional. As novas persoas beneficiarias procederán das listas de agarda que xa quedaran configuradas.

O Plan de Práctica Laboral nos servizos da Deputación e concellos é unha iniciativa para a que a institución provincial destina máis de 2 millóns de € e enmárcase nunha das súas políticas prioritarias de redución do desemprego xuvenil e a inserción laboral de mozos e mozas da provincia. Nesta mesma liña de traballo hai que sumarlle tamén o Plan de Práctica Laboral en empresas, que beneficiará a 400 persoas e para o que se destinan  700.000 €, así como as 15 bolsas para as oficinas de turismo municipais, cun orzamento de 46.000 euros.