Noticias

A Deputación amplía á Semana Santa as visitas ás camelias en flor do Xardín de Excelencia do Castelo de Soutomaior

Ante a enorme demanda para poder visitar as camelias en flor, ábrense novas visitas para o sábado 3 e o domingo 4 de abril aínda que con capacidade limitada


23 marzo 2021
Xardíns de Soutomaior

Ante a impresionante acollida que están a ter as visitas guiadas ao Xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, para poder gozar dos históricos exemplares de camelias en flor, a Deputación de Pontevedra decidiu ampliar a realización destas ata a Semana Santa. En concreto, será o sábado 3 e o domingo 4 de abril cando, ás 12:00 horas, comecen estes novos itinerarios, aínda que contan cun aforo limitado e reducido debido ás restricións da pandemia.

Este é o terceiro ano consecutivo que a Deputación de Pontevedra pon en marcha este percorrido botánico, que xa ten esgotadas as entradas para esta fin de semana. Este ano o percorrido inclúe como novidade, ao abeiro da programación do 8M da Deputación, a visita ao "Xardín de camelia con nome de muller", o espazo creado no pasado ano 2020 coa plantación da primeira camelia ‘Maria Vinyals', e completado logo coas variedades ‘Rosalia de Castro', ‘Bella Otero' e ‘Jane Andresen'. As visitas tamén teñen unha parada na plantación de té de camelia existente nos xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.

Ademais, o castelo de Soutomaior, distinguido co selo Observer de turismo científico, ofrece unha ampla variedade de posibilidades para pasar unha xornada diferente. Entre elas está o xogo Detectives do Castelo, unha proposta para o público familiar na que as persoas participantes deben demostrar as súas habilidades e descubrir as reviravoltas da fortaleza.

As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través da páxina web do Castelo,  https://castelodesoutomaior.com. As visitas están guiadas por persoal especializado e desenvolveranse o sábado e o domingo a partir das 12:00 horas, cunha hora e media de duración. O custo é de 1,5 € no caso da tarifa reducida e de 3 € na tarifa normal.