Noticias

A Deputación amosa o seu apoio ao deporte na presentación da VI Ruta do Albariño que discorrerá polo Salnés e polo Concello de Poio

A proba de ciclismo, que terá lugar os días 26 e 27 de maio, está destinada ás categorías de Júnior e Sub 20


23 maio 2018
Presentación da VI Ruta do Albariño

A Deputación de Pontevedra, xunto a Federación Galega de Ciclismo, o Concello de Meaño e Cambados e o Club Ciclista de Cambados presentaron hoxe, a VI Ruta do Albariño destinada a ciclistas das categorías Júnior e Sub 20, procedentes de Galicia, España e Portugal. A actividade que se levará a cabo nas comarcas do Albariño, conta con tres etapas que serán recorridas os días 26 e 27 de maio. O acto de presentación asistiron o presidente da Federación de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha; o concelleiro de Deportes de Cambados, Víctor Caamaño; e o presidente do Club Ciclista Cambados, Ernesto Falcón.

A alcaldesa de Meaño agradeceu a Deputación a súa colaboración para o desenvolvemento desta proba ciclista o traballo conxunto das dúas administracións para a promoción do deporte e a dispoñibilidade para facer a presentación da proba no Pazo provincial. Igualmente, o presidente da Galega destacou a importancia da colaboración da Deputación nunha proba dedicada a rapazas e rapaces. Ernesto Falcón, pola súa banda, detallou os tramos máis difíciles que vai ter o percorrido da proba que "é moi esixente" pero que gusta moito aos máis pequenos e pequenas. Pola súa banda, Víctor Caamaño destacou que para o Concello de Cambados está proba ciclista é importante pero que o mesmo tempo é un escaparate para toda a comarca do Salnés.

Durante a presentación, que tivo lugar no Pazo provincial da Institución provincial, a deputada de deportes, Chelo Besada, amosou o seu orgullo e compromiso coas actividades deportivas da provincia sinalando que "desde a Deputación traballamos a diario para poñer en marcha actividades que promovan o deporte nos distintos ámbitos da sociedade, converténdoo deste modo nun eixo prioritario para a Institución". Besada tamén resaltou a importancia que teñen este tipo de eventos para destacar o atractivo turístico da provincia.

O grupo de ciclistas iniciarán a ruta o sábado ás 11 de mañá cunha primeira etapa de tres quilómetros entre Meaño e o alto do Busto. A segunda etapa, que terá lugar ese mesmo día pola tarde, será de 63 quilómetros nos que percorrerán os concellos de Meaño, O Grove, Sanxenxo e Poio. O domingo porase fin a esta actividade cunha última etapa de 92 quilómetros, que terá o seu inicio e a súa fin no concello de Cambados.