Noticias

A Deputación de Pontevedra amosa a súa aposta polas BTT coa presentación da 1.ª Epic Race

A próxima fin de semana de setembro a Epic Race percorrerá a provincia de Pontevedra nun recorrido de 550km cun desnivel positivo acumulado de 14.500 metros


05 setembro 2017

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou a primeira edición da Epic Race Pontevedra, unha proba que nace co obxectivo de converterse nun referente non só en Galicia, senón en todo o territorio español, e que terá lugar na provincia os próximos 8, 9 e 10 de setembro.

Coa Epic Race, unha exixente proba de 550 km en formato non stop, cun desnivel positivo acumulado de 14.500 metros, a provincia de Pontevedra converterase durante tres días no centro de atención do mundo do ciclismo BTT, deporte polo que está a apostar a institución provincial. De feito, a Deputación asinou un convenio coa organización por máis de 12.000 euros. En verbas de Carmela Silva, "coa presentación da primeira edición da Epic Race Pontevedra e co anuncio das dúas "DepoRutas" de BTT, que terán lugar no mes de outubro, deixamos clara a nosa aposta polo deporte, pois este tipo de probas, que cada vez teñen máis adeptos, son unha boa alternativa para atraer a xente que poida coñecer os montes da nosa provincia, que as veces no son tan coñecidos como a nosa costa, e que verdadeiramente son unha xoia. En poucos lugares de Europa teñen uns montes de tanta beleza."

Á presentación asistiron alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras dos sete concellos que acollerán as oito etapas que compoñen a proba, Redondela, Tui, A Lama, Pontevedra, Moraña, Vila de Cruces e Cerdedo-Cotobade. José Victor Cimadevila, director de Global DXT organizadores da Epic Race, anunciou que haberá máis de 100 persoas participantes chegadas desde diversos puntos de Galicia e de todo o territorio español e valorou positivamente este dato, pois "probas coma esta non son multitudinarias, teñen un público moi específico, e ademais gustaríame resaltar que a Epic Race vai máis aló do deportivo, xa que competirá xente de toda España que poderán coñecer a través desta proba a macroinstalación natural que temos na nosa provincia e que percorreremos nesta competición que, para min, é coma facer un turismo extremo."

As persoas participantes enfróntanse a un durísimo percorrido de oito etapas pola provincia de Pontevedra, ao longo do día e da noite, desafiando os montes e gozando das paisaxes máis fermosas das Rías Baixas. O percorrido non está indicado mediante frechas, polo que o seguimento realizase lendo os datos do terminal GPS co que as persoas participantes deben orientarse para chegar a Redondela, Tui, A Lama, Pontevedra, Moraña, Vila de Cruces e Cerdedo-Cotobade.

Respecto a dureza da proba, na que as e os participantes poderán completala en solitario ou en grupo, Carmela Silva sinalou que para ela "todos son heroes e heroínas. Paréceme case imposible facer 550 quilómetros cun desnivel de 14.500 metros" e tamén aproveitou para afirmar que está "segura de que a Epic Race será un éxito total e esta non será máis que a primeira das moitas edicións que están por vir."

O venres repartiranse os dorsais na propia Deputación de Pontevedra, a partir das 11.30 h, e logo, ás 15.30 h, haberá un briefing no salón de actos de Turismo Rías Baixas no que a organización dará toda a información que necesitan o centenar de participantes desta Epic Race Pontevedra 2017.

PRESENTACIÓN DAS DÚAS DEPORUTAS

Por outra banda, Carmela Silva aproveitou a rolda de prensa para presentar as dúas "DepoRutas" que se realizarán na provincia o próximo mes de outubro. A primeira delas, que sairá do Parque Forestal Urbano do Pontillón do Castro, e terá lugar polo entorno do monte Acival, terá lugar o vindeiro 1 de outubro; mentres que a segunda delas, que terá como punto de partida o pobo de Sabucedo, será o 29 de outubro. Nesta última "DepoRuta" recorrerase corredoiras, camiños agrícolas e poderanse visitar varias parroquias do entorno do propio Sabucedo e de Codeseda.

A presidenta da Deputación de Pontevedra apuntou que "con estas "DepoRutas" ofreceremos unhas fantásticas paisaxes da provincia de Pontevedra das que poderán gozar calquera persoa, xa que non require unha gran forma física, ao contrario da Epic Race. Polo tanto tamén servirán para que a xente se apaixone pola BTT."

Carmela Silva engadiu que "con probas de prestixio nacional e internacional e con iniciativas como estas "DepoRutas" queremos que a BTT se converta nun turismo extremo de referencia na provincia, que sexa unha nova experiencia que propoñamos aos homes e mulleres tanto de Galicia como de España e de fóra do país."

Para a "DepoRuta do Pontillón", que ten un recorrido de 29 km e un desnivel acumulado de 700 m, o prazo de inscrición ábrense este mércores 6 de setembro e pecharase o 18 de setembro, aínda que se pechará en canto as 250 prazas se esgoten. Pola súa banda, para a "DepoRuta de Sabucedo", que ten un recorrido de 30 km e un desnivel acumulado de 750 m e para a que tamén terá 250 prazas dispoñibles, o prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 16 de outubro. A inscrición nas probas poderase facer a través da web da Deputación de Pontevedra.

Fotos