Noticias

A Deputación agardará ao remate do curso escolar para iniciar as obras da cuberta do edificio da Escola Infantil de Príncipe Felipe

A deputada Eva Vilaverde explica que "se queren minimizar as molestias para as e os menores usuarios da cidade infantil"


10 maio 2018
Principe Felipe

A Deputación de Pontevedra agardará ao remate do curso escolar para iniciar as obras da mellora da cuberta do edificio de Maternais e da Escola Infantil de Príncipe Felipe. Segundo explicou a deputada responsable do centro, Eva Vilaverde, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou a adxudicación dos traballos á empresa Civil Global por 295.352 euros, pero tomouse a decisión de demorar o inicio efectivo da actuación para evitar molestias ás e aos menores da cidade infantil.

A actuación na cuberta deste centro, lembrou Vilaverde, foi deseñada para solucionar o problema de deterioro sufrido polo paso do tempo desde a súa construción, que provoca a entrada de auga ás instalacións. Inicialmente fixérase un proxecto que tivo que ser modificado, posto que se considerou necesaria non só a substitución do material de cubrición, senón tamén dar unha solución aos encontros das cubertas cos petos perimetrais e interiores. As obras, ademais, requiren dunha nova instalación de evacuación de augas pluviais das que o edificio carecía: de feito actualmente a auga da chuvia circula a través das canalizacións de residuais. Ademais, taparanse dous patios interiores para evitar a entrada directa da auga.

A actual cuberta de Maternais está formada por un forxado de formigón horizontal e por planchas de fibrocemento colocadas en sucesivas reparacións parciais. No núcleo central do edificio o tellado consiste nunha chapa metálica simple, mentres que no comedor, que está a menor altura, a solución vén dada por placas simples de plástico de imitación a tella. A conexión entre Maternais e a Escola Infantil faise cun forxado de formigón horizontal impermeabilizado cunha lámina asfáltica deteriorada polo paso do tempo. Toda esta variedade de cubertas ten importantes deficiencias que producen filtracións e entradas de augas, o que se agrava nos entronques.

A deputada Eva Vilaverde destacou que o novo proxecto, ademais de cubertas de novos materiais impermeabilizantes de gran calidade, inclúe unha nova rede de saneamento separativo que permitirá que a rede unitaria existente recolla só as augas fecais. Tamén se construirán dous novos lucernarios con forma triangular. A mellora afectará a unha superficie total 2.484 metros cadrados.