Noticias

A Deputación adxudica as obras de mellora da rúa da Gándara en Salceda de Caselas

O deputado Uxío Benítez anuncia que a empresa Caldevergazo S.L., iniciará os traballos antes do inverno se non se producen complicacións coa climatoloxía


23 outubro 2018
Adxudicación proxecto obras de mellora en Salceda de Caselas

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar as obras de mellora do treito urbano da estrada provincial EP-2505, coñecida como rúa da Gándara, en Salceda de Caselas. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación suporá a creación dun novo espazo de grande calidade urbana no que a rúa quedará integrada co parque anexo nun deseño novidoso en plataforma única.

O deputado Benítez explica que o proxecto de Salceda de Caselas foi asignado á empresa Caldevergazo S.L., logo de que o persoal técnico da Deputación estudase as 19 ofertas presentadas. A adxudicataria, que presentou unha proposta económica de 505.559,96 euros e está en fase de presentación de documentación, poderá comezar as obras antes do inverno se non se producen complicacións coa climatoloxía. O prazo de execución oficial rematará en seis meses contados a partir desde o inicio dos traballos.

As obras de mellora da rúa da Gándara que levará adiante a Deputación abranguerán 350 metros lineais da estrada, comezando no cruce coa estrada PO-407 ata pasada a ponte baixo a PO-510. No arranque construirase unha nova glorieta para ordenar e calmar o tráfico, e despois realizarase unha reurbanización da estrada cun deseño novidoso e de grande calidade urbana, cambiando as tradicionais beirarrúas por unha plataforma única que permitirá a peóns e coches circular polo mesmo nivel. Ademais, a rúa pasará a estar integrada no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual coa intención de crear un novo espazo recuperado e continuo para o goce da cidadanía. Na zona da piscina, e co obxectivo de salvagardar a estabilidade do vaso de auga, manterase o muro, pero eliminarase despois da pista polideportiva, onde se habilitará unha rampla que permitirá outro novo acceso peonil.

Segundo explica Uxío Benítez, a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peóns desde a zona do aparcamento disuasorio existente ata chegar ao túnel. A partir deste paso crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará a través dunha nova ponte de madeira coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez.

Calmado de tráfico

Co obxectivo de mellorar a seguranza viaria instalaranse elementos de calmado de tráfico. Serán seis os pasos de peóns sobreelevados a construír para facilitar os tránsitos peonís, xa que a zona conta con moitos equipamentos e é frecuentada pola veciñanza, sendo actualmente escenario de grande cantidade de accidentes. "Un dos nosos obxectivos prioritarios na Deputación é eliminar puntos de violencia viaria, e esta estrada provincial en Salceda de Caselas acumula un importante número de accidentes que era necesario atallar de forma urxente", destacou Benítez.

A actuación en Salceda de Caselas impulsada polo Departamento de Mobilidade da Deputación realizarase grazas a un convenio de colaboración asinado entre a institución provincial, que aportará o 70 % dos fondos, e o Concello, que sufragará o 30 % do custo.