Noticias

A Deputación adxudica as obras da rolda leste por un importe de 1.122.116 euros

O vicepresidente provincial, César Mosquera, anuncia que o prazo de execución é de sete meses e que as obras comezarán en febreiro


28 dec 2015
Adxudicadas as obras da rolda leste por 1.122.116 euros

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno do ente provincial acaba de aprobar a adxudicación das obras da rolda leste á empresa Asfaltos y Construcciones ELSAN, S. A. por un importe de 1.122.116,88 euros. As obras, que corresponden a un convenio asinado no ano 2013 entre a Deputación e o Concello de Pontevedra, teñen un prazo de execución de sete meses e comezarán en febreiro.

Sobre o prazo de execución e a data de comezo prevista Mosquera quixo puntualizar que "as obras, tal e como xa fixemos público, comezarán en febreiro, salvo que haxa algunha complicación, como por exemplo que veña moi mal tempo cando esteamos movendo terras, que entón probablemente teñamos que aprazar porque o máis importante é que a obra quede ben desde o principio".

A previsión é que durante o mes de xaneiro se formalice o contrato coa firma, que deberá presentar o aval e facer a acta de replanteo da obra. Deste xeito iniciarase unha actuación coa que, en palabras de César Mosquera, "teremos a tan longamente desexada e buscada alternativa ao paso que temos agora". O vicepresidente provincial facía así referencia a que a nova estrada servirá para substituír o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, As Olivas e Ángel Limeses.

Estas obras contemplan a execución dunha vía dunha lonxitude de 970 metros, cunha única calzada e dous carrís de circulación (de 3,50 metros cada un), con beiravías dun metro e unha berma de 0,75 metros, así como unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo. O trazado iniciarase na glorieta existente construída recentemente na PO-542, dentro da obra de desdobramento da estrada O Pino-Bora realizada en 2013 pola Axencia Galega de Infraestruturas. A partir de aí a nova vía tomará dirección nordeste e, ascendendo cunha pendiente máxima do 8,5 %, alcanzará a estrada provincial, na que se levantará unha nova rotonda. A partir dela a pendente suavizarase, discorrendo por unha zona de valgada ata finalizar nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e ao hospital Montecelo. Este entroncamento modificarase para realizar a nova conexión.

As seccións tipo que se proxectan para as glorietas da EP-0003 e da PO-532 constan dunha calzada con dous carrís de 4,5 metros cada un e beiravías dun metro. A primeira presenta un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda, que consta de catro accesos e deixa previsto un quinto para a prolongación da rolda leste, dispón dun diámetro exterior de 50 metros.  

Aforo

Os redactores do proxecto da rolda leste realizaron un estudo do posible aforo que soportará a nova infraestrutura. Debido a que non existían datos de tráfico suficientes sobre a rede viaria do contorno da actuación completáronse os informes previos cunha campaña de campo para comprender as características da circulación no tramo obxecto do proxecto. Neste traballo contabilizáronse os vehículos que utilizaban a rúa das Pereiras e a das Olivas, entendendo que preto do 90 % deste tráfico circularía pola nova vía cando estivese construída.

En total, prevese que a rolda leste terá unha intensidade media diaria (IMD) de 5.000 vehículos, pero cunha diferenza moi marcada en función da dirección. Así, no tramo desde O Pino-Bora cara a Montecelo estímase un tránsito diario de máis de 3.700 vehículos, mentres que na dirección contraria se estima un tráfico duns 1.200 vehículos.

En canto ao tráfico pesado o estudo realizado determinou que o tránsito era inferior a 25 vehículos de grandes dimensións ao día, pero considerouse que, "dadas as favorables características xeométricas da rolda leste, estas permitirían incrementar a circulación de vehículos pesados evitando as angostas vías da zona".