Noticias

A Deputación adxudica a mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela en Barro

Cun investimento de 400.000 euros, a actuación suporá a renovación total do viario co modelo de mobilidade amable, segura e sostible do ente provincial


08 maio 2021
Adxudicación na EP-0506

A mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0506 Curro-Portela, no Concello de Barro, pronto será unha realidade trala súa adxudicación pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Con esta actuación, financiada integramente pola institución provincial cun investimento de 400.000 euros, o viario adaptarase ao modelo de mobilidade amable, segura e sostible que a Deputación está a desenvolver na rede provincial de estradas.

As obras, que comezarán de forma inminente, suporán a renovación total da estrada, de 3,7 quilómetros de lonxitude e contan cun prazo de execución de tres meses. Con este proxecto levarase a cabo a reposición do firme, ademais da mellora da intersección cunha estrada municipal. Ademais, renovarase a sinalización a fin de salvagardar a debida prestación do servizo público á vez que se aumenta a seguridade viaria.

Máis polo miúdo, realizarase a limpeza de marxes e reperfilado de cuneta, saneos de 420 metros cadrados, 35.000 metros cadrados de fresado e reposición de firme, sinalización horizontal e vertical, e bordo e firme de formigón para a realización de semiglorieta e isleta no entronque ao inicio da estrada