Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica a esperada mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián no concello do Rosal

Trátase da primeira fase desta ambiciosa actuación nun tramo de case 2 quilómetros, cun orzamento de preto de 650.000 euros e un prazo de execución de dez meses


17 abril 2021
Adxudicación obras no Rosal

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar a primeira fase das esperadas obras de mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián, que une O Rosal con Tomiño, que contan cun orzamento de preto de 650.000 euros e cun prazo de execución de dez meses. O proxecto está enmarcado no modelo de mobilidade sostible, amable e segura que se está a levar a cabo nas estradas provinciais.

A primeira fase de actuación levarase a cabo nun treito de case dous quilómetros entre Tabagón e As Eiras, coa que, como explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, "vaise reconverter de xeito integral a estrada, para darlle prioridade aos peóns/as" ademais de darlle solucións aos problemas existentes e satisfacer as necesidades da propia estrada, mellorando a rede viaria, as súas infraestruturas e contorno.

Os traballos contemplan a creación dun carril de uso exclusivo peonil e ciclista, para o que se aumentará a superficie da plataforma actual da calzada, así como a renovación do firme da estrada, coa consecuente redución da velocidade da circulación a trinta quilómetros por hora. Ademais, reformarase tamén a rede de drenaxe e canalización soterrada para a futura renovación da iluminación pública. A nova EP-3303 contará cun ancho de 9,10 metros dos que 2,5 estarán dedicados ao carril de uso peonil e ciclista mentres que o resto da calzada estará dedicada aos vehículos, coa excepción de dous espazos de 0,5 metros a ambos lados da estrada.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).