Noticias

A Deputación adxudica 120 mil euros ao Concello de Bueu para a adquisición dunha varredora aspiradora

Ata o momento, a Deputación provincial leva concedidos 379.867,79 € a Bueu, o 51,54 % do total destinado para o concello


01 mai 2016

A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra concede unha axuda por valor de 120.000 € ao concello de Bueu, dentro da liña 1 do Plan Concellos 2016. A contía será destinada para á compra  dunha varredora aspiradora.

Esta subvención hai que engadila ós 99.905,79 € concedidos, liña 1, para a subministración de luminarias para a mellora da eficiencia enerxética e para a ampliación dunha rede de saneamento; 26.000 €, liña 3, destinados á XVII Festa do polbo; e 133.962 € para a contratación de 30 empregados e empregadas públicas que están a realizar o seu traballo para o concello.

O goberno provincial aprobou unha concesión de 736.977,11 €, no marco do Plan Concellos 2016, en favor de Bueu. No primeiro trimestre do ano, a Deputación leva entregados xa 379.867,79 € ao concello, o que representa o 51,54 % do total.