Noticias

#COVID-19 A Deputación adianta o lanzamento da cuarta edición dos Premios Provinciais á Xuventude e anima a converter a crise en oportunidade

Convídase a mocidade da provincia a aproveitar o confinamento para comezar a idear e desenvolver os seus proxectos, tamén aqueles relacionados coa crise sanitaria


07 abril 2020

Co obxectivo de converter a crise en oportunidade, a Deputación de Pontevedra adianta este ano o lanzamento dos Premios Provinciais á Xuventude respecto das edicións anteriores para que a mocidade da provincia aproveite a situación que estamos a vivir e desenvolva todo o potencial que ten dentro. Deste xeito, as mozas e mozos poden comezar a idear e traballar nos proxectos cos que participar nos premios, aproveitando así o período de confinamento no que nos atopamos.

De feito, a Deputación quere incentivar todo o talento que se está a ver estes días nas redes sociais con tantos proxectos liderados por xente moza ao abeiro da crise sanitaria. Por iso, a institución provincial convida a presentarse a todas as persoas novas que están ofertando propostas e iniciativas sociais coma a creación de equipos de protección; iniciativas empresariais de persoas emprendedoras que propoñen solucións para necesidades xeradas pola COVID-19; ou a multitude de grupos musicais e culturais con interesantes proxectos para este período de confinamento. Hai que resaltar que as bases desta edición dos Premios Provinciais á Xuventude publicaranse no BOPPO nos vindeiros días, pero o prazo de presentación das propostas non se abrirá ata que remate o estado de alarma.

A dotación económica dos Premios vese incrementada con respecto ao ano pasado en 10.000 euros, repartidos entre todas as categorías. Polo tanto, son 32.000 euros os que se lles entregarán ás persoas gañadoras das oito modalidades que compoñen esta cuarta edición. As categorías que a conforman son iniciativa social, iniciativa empresarial, contido dixital, educación en valores, traballo musical, traballo literario, fotografía orixinal e deseño e moda. Esta última modalidade continúa neste 2020 tras o éxito que colleitou coa súa estrea na edición anterior.

Unha das novidades deste ano é que na modalidade de educación en valores, dirixida aos centros de educación secundaria, a idade mínima das mozas e mozos que poden participar adiántase aos 14 anos, cando ata agora era de 16 a 18 anos. Agás nesta categoría, os IV Premios Provinciais á Xuventude están dirixidos a mozas e mozos de 16 a 35 anos que poden concursar nunha ou en varias modalidades cun único proxecto orixinal en cada unha delas. As gañadoras e gañadores recollerán os seus trofeos nunha gala que terá lugar durante o último trimestre do ano.