Noticias

A Deputación de Pontevedra adapta o Plan COVID-19 de Príncipe Felipe á volta ao cole cun programa minuciosamente preparado que cubre todas as novas esixencias

O novo plan, de obrigado cumprimento, será validado polo Servizo de Prevención da institución provincial e regula todas as posibles circunstancias derivadas da pandemia


26 agosto 2020
Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra dispón xa da adaptación do Plan de continxencia pola COVID-19 do Centro Príncipe Felipe para que a volta ao curso escolar se realice de forma segura e coordinada para nenas e nenos, tanto para os que dispoñen de réxime residencial como os de Centro de Día, e ante o ingreso de novas persoas usuarias. A dirección de Príncipe Felipe validou hoxe o documento que foi minuciosamente elaborado polo Comité de Seguimento da COVID-19, na que están representadas as direccións dos centros da Cidade Infantil, para establecer medidas cara a todas as posibles circunstancias derivadas da pandemia. Esta adaptación do Plan de continxencia regula desde as entradas e saídas ao recinto, o transporte das nenas e nenos aos centros escolares, o réxime de visitas das súas familias, as medidas de protección como o uso de máscaras, os protocolos de limpeza e desinfección e as actuacións a levar a cabo no suposto de aparecer sospeitas ou casos no Centro de Menores.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, valorou "moi positivamente" o resultado da adaptación "que danos a seguridade de que as cousas se están a facer como se debe e poder dar tranquilidade ás familias das e dos menores". A presidenta provincial lembrou que "desde o minuto cero da crise sanitaria, Príncipe Felipe foi e segue a ser a máxima prioridade deste Goberno. É certo, recordou, que o risco cero non existe, pero estamos indo moito máis aló do que marcan todos os protocolos de seguridade".

Co novo Plan de continxencia, que ademais está aliñado co Plan de reactivación infanto-xuvenil autonómico e de aplicación nos centros sociosanitarios, as 165 persoas usuarias, (prazas asignadas a día de hoxe), serán distribuídas en unidades diferenciadas dependendo do réxime de quenda: residencial ou centro de día. Esta diferenciación tamén se implementará no transporte co fin de minimizar os contactos entre usuarios e usuarias para evitar situacións de risco. Así, pendentes das medidas que tome a Xunta de Galicia en materia de transporte escolar ou de posibles cambios nos horarios dos centros de ensino, vaise aplicar un procedemento para a distribución das nenas e nenos de modo que nos desprazamentos usen sempre o mesmo asento e cos mesmos contactos mantendo a distancia.

En canto ás visitas de familiares aos/as menores, implantadas desde o remate do estado de alarma, incorpórase agora a realización dunha enquisa clínica e epidemiolóxica, (elaborada pola Xunta para estes centros), por parte das traballadoras sociais ás persoas familiares que queiran tramitar a solicitude de visita. No caso de ser autorizada, realizarase de acordo a un estrito protocolo con control previo de temperatura, acceso só dunha persoa con duración máxima dunha hora e o mantemento das distancias de seguridade e desinfección dos espazos nos que se produce a visita. As saídas das e dos menores aos seus fogares serán tamén obxecto desta enquisa tanto con carácter previo á saída como ao regreso, e ademais farase seguimento telefónico do estado das persoas menores nos seus fogares.

Se ben as e os menores deberán usar máscara nos seus respectivos centros de ensino, a dirección de Príncipe Felipe acordou que esta norma se estenda ao uso dos espazos comúns do recinto (biblioteca, salas de estar das unidades de convivencia, acceso a enfermería etc.). Neste sentido desde o servizo médico faise unha intensa labor de concienciación coas nenas e nenos acerca das medidas de hixiene e detección precoz ante calquera síntoma.

Ademais continuarase co procedemento establecido para os novos ingresos ou reingresos no centro de prevención ademais da preceptiva PCR con 72 horas de antelación, excepto os casos de urxencia que estarán en situación temporal de illamento preventivo. O centro suma unha nova área de illamento de modo que agora conta cun espazo para os casos sospeitosos e outro espazo para aqueles casos positivos confirmados sen criterio de ingreso hospitalario. Outra das modificacións que se implementan ante a futura chegada dos e das usuarias con motivo do curso académico é o servizo de comedor que pasará a desenvolverse dentro das diferentes unidades de convivencia en lugar de na sala de comedor existente no centro.

O novo plan, de obrigado cumprimento, será validado polo Servizo de Prevención da Deputación e darase conta a todas as partes implicadas na volta á actividade escolar. O plan, que está adaptado as normas, instrucións e recomendacións das autoridades sanitarias e de política social, estará en permanente adaptación a calquera novidade que se poida producir neste sentido.