Noticias

A Deputación de Pontevedra actuará con cunetas tendidas no primeiro sector da transitada EP-8401 entre Portela e Souto de Vea

A obra, cun orzamento de 110.000 euros, mellorará a seguridade viaria neste tramo que rexistra unha importante circulación de vehículos pesados


02 decembro 2020
O deputado e os alcaldes na carretera a reformar

O tramo con máis densidade de circulación da transitada estrada EP-8401 entre Portela (Cuntis) e Souto de Vea (A Estrada), vai ser acondicionado pola Deputación cun investimento de 110.000 euros. A estrada, que hoxe foi visitada polos deputados Gregorio Agís, Carlos Font e Noemí Outeda, xunto co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, será dotada nos próximos meses de cunetas tendidas a ambos lados nos dos dous primeiros quilómetros do trazado.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, destacou que a EP-8401 "sumarase á filosofía de estradas que perdoan", pois as cunetas tendidas están deseñadas para que as condutoras e condutores poidan "salvar" situacións producidas por unha saída leve da vía. A maiores supoñen unha ampliación da sección dispoñible para o caso de cruzamento de vehículos pesados. E, finalmente, unha medida de seguridade "xerando un espazo adicional" para viandantes. Agís entende que se trata dunha importante mellora da seguridade viaria. O deputado destacou que esta é unha vía cun importante tráfico, especialmente de vehículos pesados, "polo que estamos diante dunha obra realmente necesaria, que o Concello de Cuntis e a veciñanza viñan reclamando desde hai tempo con toda a xustiza".

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, agradeceu á Deputación a súa sensibilidade para acoller esta petición do Concello de Cuntis. "Por aquí pasan moitos camións que van cara Santiago, e tamén de ciclistas; houbo xa algún accidente e podemos afirmar que é unha mellora moi necesaria". Engadiu que trátase dunha ruta con moito tránsito, ao enlazar coa PO-841, e que non só dá servizo a Cuntis, senón tamén a Caldas de Reis, Moraña e resto dos concellos do contorno. Finalmente, lembrou que circulan habitualmente tractores agrícolas e tamén é un percorrido habitual para ciclistas.

A obra, que vaise executar en breve, consistirá na construción de cunetas tendidas de entre 1 e 1,5 metros de anchura en ambas beiras ao longo dos 2 primeiros km desta estrada, cunha lonxitude total de 6.778 metros. Este tramo, aínda que non ten presión residencial e transcorre fundamentalmente por terreos forestais, presenta curvas pechadas, escasa visibilidade e unha sección de 6,5 metros, que agora, coas novas cunetas, pasará a entre 8 e 9,5 metros. Ademais, instalaranse tubaxes para a canalización das escorrentas de augas pluviais evitando que o firme enchoupe. As novas cunetas substituirán as actuais, realizadas en terra con forma de uve e que supoñen un perigo en caso de saída de vía e xa teñen causado que algún camión quedara atrapado.

A EP-8401 é unha das 5 estradas provinciais no concello de Cuntis. Esta transcorre entre a localidade cuntiense de Portela e Souto de Vea, xa no concello da Estrada, e constitúe un itinerario alternativo á AP-9 en dirección a Santiago de Compostela, o que explica a súa intensidade de tráfico. Segundo a última medición realizada rexistra unha media de 2.824 vehículos/día, dos que 2.631 son lixeiros e 193 pesados.

As cunetas tendidas constitúen unha solución técnica que a Deputación está a aplicar en vías provinciais estreitas para mellorar a seguridade viaria e que encaixa nas previsións recollidas no Decálogo de Actuacións en Estradas Provinciais.