Noticias

A Deputación activa unha campaña para previr os efectos da vaga de calor entre as preto de 600 persoas usuarias da teleasistencia domiciliaria

A campaña ten por obxectivo trasladar ás persoas beneficiarias do servizo consellos útiles e medidas preventivas fronte ao calor e prestar seguimento diario a aquelas máis vulnerables


03 agosto 2018
Teleasistencia domicialiaria

O Goberno de Carmela Silva vén de activar unha campaña informativa para previr os efectos da vaga de calor entre as 578 persoas usuarias do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra. En liñas xerais, o obxectivo de esta actuación é informar sobre os efectos das altas temperaturas sobre a saúde, achegar consellos útiles para afrontar mellor a situación e prestar un seguimento diario das persoas máis vulnerables que poidan precisar maior atención mentres dure a vaga de calor.

Deste xeito, xa se comezaron a realizar as chamadas informativas nas que se lles están aportando ás preto de 600 persoas usuarias da Teleasistencia Domiciliaria consellos e medidas preventivas, prestando especial atención a aquelas persoas vulnerables por cuestións de idade, por condicións de saúde ou pola situación de illamento na que se atopan.

Ademais, a través destas chamadas tamén se pretende detectar a aquelas persoas que poden definirse de alto risco por padecer en maior medida as consecuencias da vaga de calor. Máis polo miúdo, e nestes casos, o seguimento será máis pormenorizado, con chamadas diarias desde o centro de atención e incluso implicando ao persoal de traballo social dos concellos ou persoal sanitario mentres dure a vaga de calor.

Na actualidade, o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 578 persoas de 46 concellos da provincia. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

A Deputación de Pontevedra, dentro do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria, aposta tamén pola atención integral das persoas usuarias do servizo. Deste xeito, ademais de ser un servizo preventivo e de emerxencia que funciona as 24 horas do día, os 365 días do ano, realízanse actividades complementarias como obradoiros de memoria, charlas para acadar unha maior seguridade para previr roubos e estafas, visitas de seguimento e control, etc.

Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais. Tamén, durante o pasado ano houbo 441 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica, a persoas usuarias da Teleasistencia Domiciliaria.


Novas relacionadas