Noticias

A Deputación acondicionará o acceso á praia de Nerga en Cangas para mellorar a seguranza viaria

A actuación realizarase nun treito de 120 metros e incluirá unha liña de estacionamento, unha senda peonil e calmado do tráfico


08 maio 2019
Acceso á praia de Nerga en Cangas

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai acondicionar e mellorar un treito duns 120 metros da estrada provincial de acceso á praia de Nerga (EP-1007) en Cangas para aumentar a seguranza viaria. A actuación ten un orzamento de preto de 60.000 euros e será adxudicada nas próximas semanas, polo que as obras poderán iniciarse no verán de considerarse oportuno.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez o ámbito da obra é especialmente sensible porque na zona existe un centro de educación infantil e unha zona de parque, o que fai máis grave a situación de inseguridade viaria debido á falta de espazo para a circulación de persoas, que deben ir polo interior da calzada poñendo en risco a súa integridade física. Tamén hai falta de aparcadoiro, sendo ademais unha zona de pouca visibilidade ao estar á saída dunha curva pechada.

Por todo isto redactouse un proxecto para delimitar claramente a circulación do tráfico e os itinerarios peonís. Así, ampliarase a plataforma dende os 6,3 metros de largo actuais sen beiravías e cunetas en terra ata acadar dous carrís de tres metros cada un, unha cuneta transitable de ancho variable entre un e dous metros na marxe esquerda, e os carrís e unha zona de aparcadoiro en liña e unha senda peonil de 2,5 metros de ancho na marxe dereita, desde o inicio ata a escola.

Ademais, realizarase a ampliación do radio da curva do punto quilométrico 0+120 creando unha semi-glorieta na marxe dereita para aumentar a visibilidade e calmarase o tráfico na estrada coa construción dun paso de peóns sobreelevado no PQ 0+060 e dun redutor físico de velocidade de vehículos no PQ 0+0140. Por último, melloraranse as instalacións de drenaxe de pluviais con tubaxes e sumidoiros que eviten asolagamentos na plataforma.

O orzamento desta actuación é de 59.605,18 euros e xa está en marcha o procedemento de adxudicación. A intención é que o contrato se aprobe en breve e que as obras poidan iniciarse no verán, se ben o desenvolvemento dos traballos será consensuado co concello para evitar posibles problemas durante a tempada estival, cando a estrada aumenta a intensidade de tráfico. Unha vez comece a execución o prazo para a adxudicataria será de tres meses.