Noticias

A Deputación acolle a presentación da Festa do Becerro Ecolóxico de Cerdedo-Cotobade

O deputado Santos Héctor anima a gozar "deste produto de calidade, da paisaxe e da hospitalidade da veciñanza do municipio"


24 maio 2018
Festa do Becerro Ecolóxico

A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá, no Palacete das Mendoza,  a presentación da quinta edición da Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto, que terá lugar o domingo día 27 no Concello de Cerdedo-Cotobade. O deputado de Turismo, Santos Héctor e o alcalde Jorge Cubela, xunto cos responsables da entidade organizadora, a Asociación Cultural Becerro ao Espeto, animaron á cidadanía da provincia de Pontevedra a acudir a este evento, no que se servirán ao redor de 1.500 racións deste produto.

"O Concello de Cerdedo-Cotobade é un lugar fantástico, cunha paisaxe incrible e xentes moi acolledoras e hospitalarias. O produto ten unha calidade extraordinaria: se xa foron en anos anteriores repitan, e se non vaian e descúbrano porque merece a pena", convidou o deputado de Turismo, quen eloxiou o "esforzo e dedicación" das persoas organizadoras e o respaldo do Concello. "Esta é unha gran festa que ademais contribúe á desestacionalización da oferta turística, un dos obxectivos do Plan estratéxico da Deputación de Pontevedra", engadiu.

O alcalde resaltou pola súa banda que a Festa do Becerro Ecolóxico "se converteu tras cinco edicións nun evento gastronómico consolidado no noso calendario, e redunda na atracción de turistas ao concello". Cubela explica que é "un espectáculo ver como se prepara o produto desde primeiras horas da madrugada", e garante que o Concello seguirá dando o seu apoio "para facer deste produto unha referencia e unha marca indispensable do noso territorio".

A festa terá lugar na Casa do Pobo da parroquia de Viascón, á beira da igrexa, e o menú inclúe carne con patacas, viño ou auga, pan, café e rosca a un prezo de 15 euros. A degustación popular arrinca ás 13.00 horas e haberá xogos para nenos e música ao longo da xornada.