Noticias

A Deputación de Pontevedra achega o 62 % dos recursos para as catro novas vivendas sociais inauguradas en Cerdedo-Cotobade

Dos 374.000 euros de orzamento do proxecto de rehabilitación do antigo centro de saúde de Carballedo a institución aportou 231.874 euros a través do Plan Concellos


28 setembro 2021
Plan Concellos

As catro novas vivendas sociais que acaban de ser inauguradas no núcleo de Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade, foron financiadas maioritariamente pola Deputación de Pontevedra. A institución provincial cubriu o 62 % do orzamento do proxecto, achegando 231.874 euros dos 374.000 euros totais para rehabilitar o antigo centro de saúde e convertelo en catro vivendas de protección social a través do Plan Concellos.

A actuación impulsada maioritariamente con recursos da Deputación consistiu basicamente na rehabilitación, dotando de nova vida a unha edificación en desuso a través da construción de catro vivendas de protección. Dúas delas sitúanse no andar baixo e outras dúas estarán no superior (ás que se pode acceder directamente a través dunha escaleira de nova creación), e contan cunha superficie construída de entre 74 e 127 metros cadrados e útil de entre 61 e 98 metros cadrados. Estas novas vivendas sociais de Carballedo ocupan unha antiga edificación, construída na década de 1920 como escola de primaria e posteriormente reconvertida en centro de saúde. A estrutura, recollida no catálogo de Bens Culturais do Concello e integrada no catálogo de Patrimonio de Cultura, conta con andar baixo e baixo cuberta, tellado a catro augas e forma rectangular, con acabados en cantería con enfuscado branco e situada nunha parcela pechada con muro de pedra.

Dez millóns de euros en investimentos

A Deputación de Pontevedra leva investido no concello de Cerdedo-Cotobade preto de dez millóns de euros desde o 2016 cos que o goberno local, entre outras cuestións, puxo en marcha máis de 60 obras, impulsou preto de sesenta actividades socioculturais e contratou a ata 140 persoas traballadoras desempregadas. Tamén levou a cabo un forte investimento en infraestruturas, de ata máis de tres millóns de euros, para mellorar as estradas provinciais que transcorren por Cerdedo-Cotobade. Soamente neste 2021 e a través do Plan Concellos, a vila conta con case un millón de euros de recursos da Deputación, aos que hai que engadir outros moitos investimentos que se están a achegar a través dos diferentes servicios da institución provincial.