Noticias

A Deputación de Pontevedra achega máis de 710.000 euros do Plan Concellos para investimentos e actividades socioculturais en 17 concellos da provincia

A Xunta de Goberno aprobará este venres catro achegas por preto de 450.000 euros para investimentos en Ponteareas, Salvaterra de Miño e A Estrada


28 abril 2021

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres novas achegas por importe de máis de 710.000 euros ao abeiro do Plan Concellos 2021, que beneficiarán a un total de 17 municipios da provincia. En concreto, na súa firme aposta por seguir dotando de recursos aos concellos na actual situación de pandemia, a Xunta de Goberno dará luz verde a catro subvencións da Liña 1 de Investimentos para Ponteareas, Salvaterra de Miño e A Estrada, por importe de 447.076 euros, e a outras 30 achegas da Liña 2 de amortizacións, pago de débedas e de actividades socioculturais, por un total de 263.848 euros, que beneficiarán a 15 concellos.

Da Liña 1 de Investimentos, para Ponteareas aprobarase unha subvención de 67.998 euros, coa que este concello poderá financiar a adquisición de tres vehículos, dous para o servizo municipal de Vías e Obras e outro vehículo adaptado que se destinará a Servizos Sociais. Este concello recibirá tamén outra achega, de 130.579 euros, coa que poderá acometer as obras de asfaltado e ampliación da calzada do viario de subida a Santa Cristina de Bugarín.

Doutra banda, para Salvaterra de Miño aprobarase unha achega de 143.500 euros, destinada á adquisición dun vehículo para o servizo de recollida de lixo. Para A Estrada darase luz verde a un investimento de case 105.000 euros, destinado á pavimentación da avenida de Ponteareas e da rúa Baiuca, así como dos dous aparcadoiros anexos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobará a sexta relación de achegas da Liña 2, que beneficiará aos municipios de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, A Lama, Marín, Meis, Mondariz, Moraña, As Neves, Pontecesures, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

As axudas están dirixidas na súa maioría a financiar actividades sociais, culturais ou deportivas, entre elas a Festa Corsaria 2021 de Marín, as Festas de San Bieito de Meis, as actividades de promoción cultural de Vila de Cruces, a Festa do Carneiro ó Espeto (Moraña), a XXXII Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz, o XXVIII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey (O Grove), o Verán Cultural da Lama, as actividades de teatro e música en Cerdedo-Cotobade ou as Visitas Teatralizadas na Guarda, entre outras.

Doutra banda, no caso de Pontecesures, recibirá tres achegas que permitirán ao Concello contratar asistencias técnicas para realizar tarefas de levantamentos topográficos, así como asistencia xurídica en materia de urbanismo e o asesoramento en xestión enerxética.