Noticias

A Deputación achega máis de 40.000€ para proxectos centrados no empoderamento das mulleres en Honduras, Bolivia e el Salvador

Enmárcanse nunha nova liña de subvencións, lanzada por vez primeira no 2021, destinada ao apoio a ONGD para a cooperación ao desenvolvemento


02 xaneiro 2022

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión da nova liña de subvencións por valor de 40.118,36 euros a proxectos liderados por ONGD para a cooperación ao desenvolvemento. En concreto, mediante estas subvencións a asociación "Amigos da Terra", a "Fundación Taller  de Solidaridad" e "Solidariedade Internacional de Galicia" impulsarán iniciativas centradas no empoderamento das mulleres en Honduras, Bolivia e El Salvador.

As subvencións enmárcanse nesta primeira convocatoria, realizada ao longo deste ano 2021, e destinadas a ONGD que lideran proxectos de cooperación aliñados coa Axenda 2030 en países empobrecidos. Deste xeito, os recursos da institución provincial permitirán financiar o 100% da contía que solicitaron as tres organizacións non gubernamentais.

No caso de "Amigos da Terra" as axudas, que ascenden a 15.000 €, permitirán impulsar o proxecto "Mellora do exercicio dos dereitos das mulleres rurais cunha vida saudable e libre de violencias e co empoderamento económico en comunidades de El Corpus (Honduras)".

Pola súa banda  a "Fundación Taller de Solidaridad" recibirá 10.118,36 € para promover unha iniciativa de "Fortalecemento do empoderamento de mulleres indíxenas migrantes na súa vida familiar e social, desde o enfoque de xénero no desenvolvemento, en tres barrios de Ushpa Ushpa en Cochabamba (Bolivia)".

Finalmente,  "Solidariedade Internacional de Galicia" beneficiarase dunha subvención de 15.000 € para o lanzar o proxecto "Impulsando medios de vida resilientes para as mulleres en El Salvador".