Noticias

A Deputación achega máis de 176.000 € a Marín para a reposición de pavimentos en camiños do rural

A institución provincial leva investidos 352.821,79 € no marco do Plan Concellos 2016, o que supón o 37,5% do total destinado ao municipio


05 jun 2016

A Deputación de Pontevedra, na Xunta de Goberno, vén de aprobar unha achega económica de 176.675,79 € para o concello de Marín, que se destinará para a reposición de pavimentos en camiños do rural do municipio. Trátase dunha axuda enmarcada na liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2016 que o ente provincial desenvolve ao longo deste ano.

É a primeira contía dentro da liña 1 do plan provincial, pero vén sumarse a outras xa aprobadas no que vai de ano. Ao abeiro da liña 3 -actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais- a Deputación xa ten destinado este ano a Marín un total de 35.000 € para o Torneo de Seleccións Autonómicas de Minibasquet 2016, XIX Milla Urbana San Miguel de Marín, Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática 2016, II Marín Atlantic Open-World Cup Standard, V Festa Corsaria,  V Carreira Popular e 10 Marín. Dentro da liña 4 tamén se aprobou outra partida de 141.146 € para a contratación de 24 traballadores e traballadoras municipais.

No que vai de ano, a Deputación de Pontevedra leva aprobado o 37,5% do total destinado a Marín para o Plan Concellos 2016, o que supón un investimento no municipio ata o momento de 352.821,79 €.