Noticias

A Deputación achega máis de 150.000 € para melloras de camiños en distintas parroquias de Dozón

Son investimentos, con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019, para asfaltado e pavimentación de camiños en Edreira, Santo Domingo, Moi, Diz, Barrio, Sestos e Seixas


13 marzo 2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font, informou hoxe que a Xunta de Goberno da Deputación aprobará esta semana dous investimentos para Dozón con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, trátase dunha partida de 76.255,13 euros para obras de asfaltado de camiños en Edreira, Santo Domingo e Moi; outra de 75.096,22 euros para obras de asfaltado de camiños nos lugares de Diz, Barrio e Sestos; e outra para pavimento con saburra en Seixas.

Máis polo miúdo, vaise asfaltar un camiño en Edreira, no que se fará unha preparación previa do firme mediante unha limpeza para eliminar restos existentes e posteriormente un varrido a máquina para deixar a superficie preparada para o asfaltado. Tanto en Santo Domingo como en Moi melloraranse dous camiños de saburra que na actualidade presentan mal estado. Nos dous lugares vaise proceder á preparación dos camiños mediante escarificado, refino e  aplanamento; e despois aplicaráselles unha base de pedra sobre saburra compactada e asfaltaranse. En Santo Domingo, complementariamente, tamén se procederá á apertura dunha cuneta nun dos treitos laterais do camiño. En Moi, ademais, procederase á roza e á limpeza dos laterais e á escavación de cunetas en treitos determinados, colocando tamén tubaxes para a evacuación de augas.

 A outra actuación que vai aprobar a Xunta de Goberno é para as obras de asfaltado de camiños nos lugares de Diz, Barrio e Sestos, así como o pavimento con saburra en Seixas, cun investimento total de 75.096,22 euros. O camiño de Diz atópase na actualidade en estado bastante deficiente, coa particularidade de contar no seu inicio cunha caseta de depósitos de auga que abastecen o lugar de Diz. Primeiro avaliarán os trazados exactos das canalizacións soterradas e a situación dos tubos e das arquetas que se prevén instalar para logo proceder aos traballos de pavimentación. O camiño de Barrio está agora con saburra e pedra que presentan mal estado, polo que se vai proceder a preparar o camiño mediante escarificado, refino e  aplanamento, e logo aplicaráselle unha base de pedra sobre saburra compactada para finalizar o asfaltado.

O camiño de Sestos tamén se encontra con saburra e pedra en mal estado e os traballos que se acometerán serán os mesmos que no caso de Barrio, ademais de executar unha cuneta de formigón no tramo final do camiño, na curva de baixada. O camiño de Seixas está na actualidade cunha pavimentación de saburra moi levantada que tamén se vai pavimentar, ademais de executar unha cuneta a ambos lados, colocando tubaxes para a condución de augas ao comezo e ao final do camiño. En todos estes camiños, complementariamente, vaise proceder á roza e á limpeza dos laterais.