Noticias

A Deputación achega ao Barbeira SeaSon Fest de Baiona a campaña contra os plásticos de "Experiencias SOStibles" e a da loita pola igualdade

O festival contará cunha carpa na que se repartirán os materiais das campañas de sustentabilidade e igualdade do Goberno provincial


20 setembro 2019
Campañas Diputación

A Deputación de Pontevedra revalidará o seu compromiso co medio e coa transición ecolóxica no Barbeira SeaSon Fest, un festival que lle dá prioridade á ecoloxía, á cultura e á economía circular e que se desenvolverá mañá, sábado 21 de setembro, na praia de Barbeira de Baiona.

Trátase dun evento especialmente comprometido coa redución dos plásticos: o seu uso non está permitido dentro do recinto e un dos escenarios leva por nome Escenario Cero Plásticos. A institución provincial achegará ao festival o material das súas campañas de sustentabilidade e igualdade mediante unha carpa que estará aberta das 12 da mañá ás 3 da madrugada. No primeiro caso, a Deputación reforzará o seu compromiso neste eido co material de "Experiencias SOStibles", a iniciativa coa que este verán sensibilizou a poboación sobre as consecuencias do plástico no medio ambiente e a saúde e coa que repartiron máis de 100.000 elementos, entre eles bolsas de tea ou vasos biodegradables feitos con fécula de millo e pataca.

No evento, a institución provincial tamén repartirá o material das campañas de igualdade "Lembra! Eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote" para previr agresións sexuais categorizadas como violacións en cita e agresións por submisión química. Os folletos das campañas teñen contidos diferenciados para mozas e mozos, e amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima.

O Barbeira SeaSon Fest ten un cartel musical conformado por Los Punsetes, La Habitación Roja, Cecilio G., Cariño, Boyanka Kostova, La Bien Querida, Zeltia Irevire, Thomas Dylan & Balea, Axolotes Mexicanos, Manu TF Dj, Paula Docampo Dj e Ale González de Los Árboles. Os concertos estarán determinados polas mareas, de xeito que os que se prevé que atraerán máis público se celebrarán con marea baixa.

Por outra banda, o festival contará con outras actividades programadas alén da música como sesións de ximnasia na auga para toda a familia e obradoiros de reciclaxe. Ademais, terán lugar unha serie de actividades enfocadas a promocionar o Camiño de Santiago, en concreto o itinerario portugués pola costa, que ten en Baiona un dos seus puntos de interese. Toda a programación está enfocada a acadar un ambiente acolledor e familiar, con diversidade de actividades para todos os públicos.