Noticias

A Deputación achega 64.000 € á Guarda para melloras no castelo de Santa Cruz e nos recursos deportivos

Dentro do Plan Concellos 2016, o Goberno provincial leva concedidos 556.302,63 € para A Guarda, o 78% do total destinado


22 xul 2016

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolucións presidenciais, tres novas achegas económicas, por valor dun total de 64.067,01 €, para o concello da Guarda, dentro da liña 1 –investimentos– do Plan Concellos 2016. Unha contía, de 25.322,42 €, destinarase para a reparación do campo de fútbol municipal. Outra achega, de 22.685,77 €, será para o equipamento deportivo das Solanas. En último lugar, 16.058,82 € terán como finalidade o subministro do equipamento audiovisual do Castelo de Santa Cruz e outros equipamentos para o centro de interpretación do Castelo.

Dentro da liña 1, estas cantidades xa veñen sumarse a outras aprobadas polo Goberno provincial por un total de 198.563,23 € para a realización de obras de mellora no pavillón das Solanas, a adquisición dunha varredora e tamén de mobiliario da Casa dos Alonso e un proxecto de rehabilitación e construción dun miradoiro.

Ao abeiro da liña 3 –actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais– aprobáronse un total de 26.689,5 € para o Entroido, o Torneo de Xadrez, as Andainas, a Feira do Libro, o programa Atletismo na Natureza, a Exposición 2016 e a IX Gala do Deporte. Na liña 4 –emprego– outorgáronse 160.037,50 € para a contratación de 24 empregados e empregadas  para realizar diferentes tarefas municipais. Así mesmo, o goberno provincial tamén destinou  106.945,39 € para gastos correntes, amortizacións e pagamentos de débedas (liña 2).

No que vai de ano, a Deputación de Pontevedra leva entregados xa 556.302,63 € ao concello da Guarda, o que representa o 78% do total do Plan Concellos para este municipio.