Noticias

A Deputación achega 32.000 euros a catro entidades da provincia para desenvolver proxectos a prol da igualdade

Impulsaranse iniciativas contra as violencias machistas, para espallar a igualdade no rural, impartirase formación afectiva-sexual e realizaranse intervencións socio-sanitarias en persoas en situación de prostitución


22 setembro 2021
Axudas de igualdade

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta pola igualdade con novas iniciativas de apoio a proxectos na provincia. A institución acaba de destinar 32.000 euros á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, FADEMUR, Nós Mesmas e á Asociación FARAXA pola Abolición da Prostitución, entidades de iniciativa social, para impulsar proxectos de loita contra as violencias machistas, promover a igualdade no rural, formar en diversidade afectiva-sexual e realizar intervencións socio-sanitarias en persoas en situación de prostitución.

No caso da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero desde 1998, a Deputación vai subvencionar o proxecto "Camiño ao bo trato". Esta iniciativa, baseada na formación teórica-práctica, vai desenvolver accións de sensibilización, concienciación, prevención e detección da violencia de xénero dirixidas a colectivos que atenden directamente a mulleres vítimas de violencia, a profesionais dos medios de comunicación, ao profesorado e alumnado de colexios e institutos, ás ANPAs de centros educativos ou ben a persoas interesadas.

A Deputación tamén vai colaborar co proxecto "Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais" que impulsa a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais FADEMUR Galicia. Trátanse de campañas personalizadas, obradoiros e accións de formación e sensibilización, centradas nas especificidades dos colexios das zonas rurais, a través das cales nenas e nenos e mozas e mozos van adquirir habilidades e recursos para recoñecer situacións de violencia machista e como actuar fronte a elas, así como coñecementos para adoptar comportamentos igualitarios.

Coa Asociación Nós Mesmas a institución provincial está a traballar no impulso do "Plan de formación en diversidade afectiva-sexual e de xénero". Trátanse de accións formativas sobre a DAX (diversidade afectiva e de xénero) en centros públicos de primaria, secundaria e FP da provincia de Pontevedra para proporcionar ferramentas e coñecementos, tanto ao alumnado como ao profesorado, e previr, detectar e intervir en situacións de acoso escolar por LGTBIfobia.

No que respecta á Asociación FARAXA pola Abolición da Prostitución a Deputación vai colaborar co proxecto "PRE-VENTE. Intervención socio-sanitaria con persoas en situación de prostitución e prevención, detección e control do VIH/SIDA". A través desta iniciativa vanse realizar actuacións de sensibilización, información, intervención social, integración social e orientación coas mulleres en situación de prostitución e/ou explotación sexual que acoden ben ao Centro de Atención da Asociación ou á súa Unidade Móbil.