Noticias

A Deputación achega 265.300 € a Forcarei para converter o campo de fútbol de terra das Maleitas no primeiro de herba artificial da vila

O proxecto, financiado polo Plan Concellos, dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza, creando un espazo de xogo do século XXI adaptado á normativa FIFA e normas UNE e DIN


09 xullo 2020
Campo fútbol herba artificial

Forcarei contará co seu primeiro campo de fútbol de herba artificial coa financiación da Deputación de Pontevedra. A achega provincial, que será aprobada este venres pola Xunta de Goberno, ascende a 265.296,98 euros e se enmarca na liña 1 do Plan Concellos da institución. Así o goberno provincial de Carmela Silva dá cumprimento a unha demanda histórica da Escola de Fútbol Base Terra de Montes e permitirá remodelar por completo o campo de fútbol municipal das Maleitas, actualmente de terra, para convertelo nun moderno espazo de xogo, adaptado aos requirimentos marcados pola FIFA e polas normas UNE e DIN.

O proxecto enmárcase na necesidade de impulsar actuacións destinadas ao equilibrio territorial entre o rural e urbano e a fixar poboación no medio rural, creando servizos demandados pola cidadanía. Deste xeito, a través desta achega, Forcarei vai poder executar o campo de céspede artificial sobre o actual de terra, dotando ás máis de 100 usuarias e usuarios de todas as idades dun espazo de xogo do século XXI, con condicións idóneas para a práctica deportiva. Así, o espazo, de calidade, sostible e axeitado ás necesidades, seguirá as acreditacións do último FIFA Quality Programme for Football Turf Manual (2015), concretamente para as categorías FIFA Quality e FIFA Quality Pro. Ademais, tamén dará cumprimento á norma UNE EN 15330-1 de superficies de céspede artificial para fútbol e a DIN 18035-7. Ademais, a actuación vai posibilitar o emprego do campo de forma intensiva e facilitar as tarefas de mantemento.  

En concreto, a remodelación contempla acondicionar o espazo existente para executar o novo. Así, levaranse a cabo movementos de terra para a preparación do recinto, a execución de bases, a posta en marcha dun sistema de recollida de pluviais, así como a instalación de drenaxe dunha rede de rego. Contará cunha lámina de polietileno, sobre a que se colocará a manta de céspede artificial de última xeración, e executaranse liñas de marcaxe en branco para a práctica de fútbol 11 e en azul para fútbol 7. Ademais, o proxecto contempla o equipamento con porterías e bandeiríns, sistema de iluminación e o peche do perímetro do campo con varandas de aluminio.

Esta é a segunda infraestrutura deportiva que a Deputación de Pontevedra financia integramente na vila, tras ter destinado preto de 400.000 á reforma do albergue para ximnasio municipal. Ademais, e tamén no marco do Plan Concellos 2020, Forcarei recibiu xa preto de 46.000 € para acometer melloras do camiño da Geira e dos Arrieiros en Acevedo, actuando nunha superficie de 790 metros cadrados que permitirá repoñer a pavimentación, canalizacións e sumidoiros.