Noticias

A Deputación acepta unha achega do IDAE de case 400.000 euros que reafirma o compromiso europeo co modelo de eficiencia enerxética da provincia

Os recursos chegarán aos concellos de Portas, Vilaboa, Cangas, Redondela, Tomiño e A Cañiza, que contarán con novas instalacións para o uso térmico


02 outubro 2021
Economía baixa en carbono

Seis concellos da provincia contarán con novas instalacións para o uso térmico en infraestruturas municipais grazas á aceptación, por parte da Xunta de Goberno da Deputación, dunha achega do IDAE que ascende a 387.900 euros. Os recursos chegarán a  Portas, Vilaboa, Cangas, Redondela e Tomiño, que substituirán o sistema anterior por unha caldeira de biomasa, e tamén Á Cañiza, que contará con estufas de pallets en 15 edificios municipais.

A Portas chegarán preto de 95.000 euros cos que o concello realizará actuacións no albergue, no campo de fútbol e no pavillón municipal, a Vilaboa cerca de 32.000 euros que se investirán na casa do concello e a Cangas case 90.000 euros cos que se actuará na pista de atletismo e no pavillón municipal. Os fondos europeos tamén servirán para realizar obras no pavillón municipal e na casa da cultural de Redondela, con preto de 90.000 euros, así como nos edificios de benestar social e policía de Tomiño, con 32.000 euros. Pola súa banda, A Cañiza substituirá os radiadores eléctricos de 15 edificios municipais (como centros culturais, tanatorios ou unha biblioteca) por estufas de pellets grazas a unha achega de 50.000 euros.

No que vai de ano o IDAE leva xa concedidos á Deputación 6,2 millóns de euros destinados a proxectos en 29 concellos e a unha entidade local menor. Estes fondos están a servir para mellorar a iluminación exterior cara un modelo máis sostible de eficiencia enerxética e para mellorar as infraestruturas da provincia e reducir a pegada de carbono. A estes fondos súmaselle a nova concesións para as instalacións de uso térmico da biomasa en infraestruturas municipais.