Noticias

A Deputación acelera as obras de seguridade viaria na contorna do cemiterio e do parque das Pedrosas de Silleda

A Xunta de Goberno adxudicou os traballos nos que se investirán máis de 250.000 euros para a construción, entre outras actuacións, da demandada rotonda na intersección entre a EP-7201 Silleda-Cachafeiro, a PO-201 e o viario local


06 novembro 2021
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na EP-7201 Cachafeiro-Silleda, unha demanda histórica da veciñanza, mediante a construción dunha nova rotonda na contorna do cemiterio municipal e parque das Pedrosas de Silleda, que permitirá regular o tráfico de xeito seguro na intersección entre a estrada provincial, a PO-201 e o viario municipal. Tamén se porán en marcha elementos de calmado de tráfico como redutores de velocidade e a renovación de servizos urbanos.

Os traballos, que se enmarcan no modelo de mobilidade sostible, amable e de seguridade nas estradas provinciais que desenvolve a Deputación, terán un orzamento de 252.299 euros e servirán tamén para a creación dunha senda que rodeará a glorieta para separar o tráfico peonil. Deste xeito crearase un espazo de seguridade viaria para o tránsito dos peóns e peoas, cunha nova beirarrúa con dimensións adaptadas ás novas normas de accesibilidade. Contará con 2,5 metros de ancho e permitirá eliminar a actual pasarela elevada xa que se construíran pasos de peóns elevados.

Igualmente as obras incluirán a renovación da iluminación e da recollida de pluviais, así como a pavimentación e a reinstalación da sinalización horizontal e vertical adaptada á nova actuación.