Noticias

A Deputación abrirá o 17 de setembro o Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos coa webinar do investigador Xosé García Bustelo

A primeira webinar, organizada coa Real Academia Galega de Ciencias, abordará o cancro e as persoas interesadas poden inscribirse a partir deste martes, 1 de setembro, a través da web da Deputación


01 setembro 2020
Webinar Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos

A webinar sobre o cancro a cargo do profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Xosé Ramón García Bustelo abrirá o día 17 de setembro o primeiro Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias. Este ciclo ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade e, debido á pandemia da COVID-19, será en liña en formato webinar e precisará inscrición previa. Deste xeito, para esta primeira sesión as persoas interesadas en participar poden apuntarse a partir deste martes 1 de setembro na web da Deputación (www.depo.gal).

A charla de García Bustelo que, como o resto das previstas, está aberta a todos os públicos que desexen informarse sobre temas de actualidade, leva por título "Cancro: dos fundamentos ás novas terapias" e nela abordará de forma sinxela cales son as bases moleculares desta enfermidade. Tamén falará de como ese coñecemento se está a traducir no desenvolvemento de novas terapias dirixidas contra as células tumorais e que teñen efectos colaterais cada vez máis pequenos nos tecidos sans do noso organismo. Así mesmo, estes avances están a cambiar a forma na que as persoas doentes con cancro teñen que ser diagnosticadas e seleccionadas para poderen ser tratadas efectivamente por esas terapias. Doutra banda, abordaranse tamén os retos que quedan aínda por diante para acadar mellores taxas de curación.

Xosé Ramón García Bustelo é profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e vicedirector do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca. Así mesmo, é coordinador do Programa Científico de Investigación Biomédica en Rede de Cancro e presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).

O ciclo Aida Fernández Ríos continuará a partir de outubro con outros seis seminarios web, que abordarán temas como a Intelixencia Artificial e o cambio de hora e o fuso horario, así como cuestións relacionadas coa sanidade, con especial incidencia na COVID-19, o ciclo económico ou a acuicultura e biotecnoloxía, e que estarán impartidas por outras nove destacadas persoas científicas.

Na presentación deste ciclo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacara a importancia deste tipo de actividades de divulgación, "xa que temos moito camiño que percorrer, temos que achegar a ciencia ao conxunto da sociedade, xa que o mundo depende da ciencia para poder avanzar". Ademais, a cita servirá tamén "para visibilizar a mulleres deste eido, como Aida Fernández Ríos". Pola súa banda, a vicepresidenta da Real Academia de Ciencias e coordinadora do ciclo de conferencias, Alicia Estévez, destacara que ten como obxectivo "aumentar a cultura científica na sociedade, xa que unha sociedade máis culta é moito máis difícil que sexa manipulada".