Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes soliciten desfibriladores para instalacións municipais

En total poderanse solicitar un máximo de catro desfibriladores e a axuda económica poderá acadar o 100 % do seu custo


16 xuño 2019
Desfibriladores

O Boletín Oficial da Provincia acaba de publicar as bases e a convocatoria de subvencións dirixida a entidades locais da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes para a dotación de desfibriladores. Os concellos teñen ata finais de xuño para solicitar estas axudas que permitirán dotar destes instrumentos ás instalacións deportivas, campos, parques e espazos públicos de titularidade municipal.

Estas axudas, dotadas de 50.000 euros, van dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes e permitirán dotalos dun máximo de catro desfibriladores semiautomáticos externos (DESA). En total, a Deputación financiará entre un mínimo do 50 % e un máximo do 100 % do custo dos desfibriladores, dependendo de criterios obxectivos marcados nas bases da convocatoria.

Os concellos interesados deberán acreditar a situación de non incorrer nas prohibicións para beneficiarse da subvención e acreditar a titularidade municipal das instalacións, campos, parques, espazos ou calquera outro ben onde se vaian colocar os desfibriladores subvencionados. Para esta convocatoria quedan excluídos aqueles concellos que xa dispoñan de catro ou máis desfibriladores nos espazos de titularidade municipal.

As entidades locais interesadas en beneficiarse desta convocatoria deberán presentar as solicitudes por vía electrónica nun prazo de dez días hábiles a partir do luns. O prazo rematará a finais do mes de xuño.