Noticias

A Deputación abre o prazo para que as entidades poidan pedir as axudas para participar en certames internacionais e realizar actividades culturais

As asociacións sen fin de lucro interesadas nestas dúas liñas de subvencións culturais poderán formalizar as súas solicitudes desde este martes ata o 15 de abril


10 marzo 2020

A partir deste martes, 10 de marzo, e ata o 15 de abril, as entidades sen fin de lucro da provincia poderán optar a dúas das liñas de subvencións que ofrece a Deputación de Pontevedra para impulsar o sector cultural. Deste xeito, poderanse solicitar axudas económicas para a súa participación en festivais, certames e concursos de música e baile no ámbito internacional e, tamén, neste mesmo prazo, poderán pedir as subvencións que ofrece a institución provincial para a realización das súas actividades culturais.

No que lle atinxe á primeira liña destas subvencións, esta ten por obxecto promover, fomentar e difundir a música tradicional galega nas súas distintas vertentes e estilos, e está dirixida a apoiar a participación das entidades sen fins de lucro da provincia en encontros internacionais. Poderán optar a estas axudas os colectivos que vaian participar en festivais musicais, encontros de carácter internacional, certames e concursos internacionais e intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical ou cultural. O orzamento da Deputación para estas subvencións ascende a 30.000 euros e, como sinalou a presidenta Carmela Silva tras a súa aprobación, pretenden axudar estes colectivos a facerlles fronte aos gastos que supón a súa participación en eventos internacionais. "É moi importante que todas as entidades da provincia poidan ter a oportunidade de participar nestas cuestións de carácter internacional porque nos permiten estar presentes e promocionar a nosa cultura, e tamén son un elemento de atracción de cara á provincia", afirmou.

No que respecta ás axudas para a realización de actividades culturais, nas que a Deputación vai investir 250.000 euros este ano, poderán ser obxecto de financiamento aquelas que poñan en valor o patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da provincia, como é o caso de costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos, así como festivais, mostras, encontros e certames culturais. Ademais, as entidades poderán pedir estas axudas para o desenvolvemento de certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura e arquitectura e para a realización de intercambios cos que potenciar o patrimonio musical fóra de Galicia.

As bases destas dúas convocatorias de subvencións publicáronse hoxe no Boletín Oficial de la Provincia de Pontevedra (BOPPO) e marcan que, para ambos os casos, as solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).